Once horas loitando contra as lapas en Negreira para extinguir o incendio da cerería
O incendio comezou contra as 4:25 da madrugada na cerería instalada en Espesedo, Bugallido
Os bombeiros continúan arrefriando a nave para evitar que o lume reapareza. Foi preciso mobilizar aos Bombeiros de Xallas, Cee e o GES de Brión.
Os danos son cuantiosos, xa que as lapas destruíron a nave e varios vehículos
Foron once horas de traballo extenuante as que empregaron os servizos de emerxencia para conseguir extinguir completamente o lume que esta madrugada destruíu unha fábrica de candeas na parroquia de Bugallido, no concello coruñés de Negreira.
Bombeiros de Santa Comba e Cee, co GES de Brión deron por apagado o lume cara as tres do serán, impedindo que as lapas se espallaran sen control cara as construcións lindeiras. Unha actuación complicada pola presenza de substancias altamente inflamables.
"Non era tanta a perigosidade do inflamable pero a parafina non hai xeito (de apagar). Era moita cera e é complexo. Tamén había coches dentro", explica Francisco Villaverde, do GES de Brión.
As lapas avivadas polas substancias inflamables acabaron por calcinar completamente a ceraría e os vehículos que estaban no interior. O propietario da nave, que non puido impedir o sinistro, asegura que os danos poden chegar a centos de miles de euros.
"O dono estaba un pouco nervioso porque a situación inicial impresionaba un pouquiño, pero os profesionais, bombeiros e todos fixeron un labor moi importante e controlaron rapidamente a situación", relatou o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis.
Tanto dende o concello de Negreira como dende a consellaría de Medio Ambiente seguiron a evolución da mesta fumareda que produciu o incendio, sen detectar problemas na calidade do aire que puideran afectar a veciñanza. Os bombeiros de Santa Comba proseguirán nos vindeiros días arrefriando a nave para previr a reaparición das lapas.
Ata o lugar, e ao longo deste sábado, tamén se desprazaron a Garda Civil, Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Medio Ambiente da Xunta e o Concello.
🔴#AXEGAInforma dun lume nunha cerería de Negreira
— 112 Galicia (@112Galicia) February 28, 2026
📍 Espesedo, Bugallido
🚨 Bombeiros Xallas, Cee, GES Brión, @guardiacivil, tamén informados Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Servizo provincial de incendios, Medio Ambiente da @Xunta e Concello
🔗https://t.co/INBZOEXvQK pic.twitter.com/9RJRZgo0Cm