Tendas de barrio, pequenos negocios familiares que contribúen a xerar comunidade
"Aquí tes que ser tendeiro, médico, policía, avogado e psicólogo, un pouquiño de todo"
Leva anos xubilada, pero a Emperatriz aínda podemos encontrala polo seu ultramarinos."Reconforta máis falar coa xente que tomar unha pílula na casa", di.
Tiña 15 anos cando abriu as portas do negocio xunto a súa irmá. Setenta anos detrás do mostrador dan para moito. Mesmo para entablar relación con clientes ilustres do barrio. "Empezando por Luís Seoane e esposa, Dieste e esposa, Peteiro", lembra.
Desde comestibles ata produtos de limpeza. Un pouco de todo define a súa oferta na que amais inclúe confianza e conversa. "As conversas de barrio de toda a vida, de amigos. Xa parecemos un pouco máis de familia que de clientes, pero moi ben", conclúe Emperatriz Iglesias, do Ultramarinos Iglesias.
Tsvetelin leva menos tempo á fronte da súa tenda do barrio de Monte Alto, pero comparte con Emperatriz ese trato familiar e de proximidade coa clientela. "Cos anos aprendes cada un o que busca. Como nos bares, nada máis pasar pola porta xa estás coa barra de pan ou calquera cousa. Xa sabes o que van pedir", sinala.
Dono do Ultramarinos Horreo, Tsvetelin Kraychev di que mesmo conta cun servicio a domicilio para atender ás persoas maiores cando non poden pasar pola tenda. "Sobre todo a xente maior vén contar os seus problemas, as súas dores. Aquí tes que ser tendeiro, médico, policía, avogado e psicólogo, un pouquiño de todo", ironiza.
Pequenos negocios familiares que contribúen a facer barrio.