A época primaveral preséntase como un aliciente máis para iniciarse no sendeirismo
Máis aló de levar calzado e roupa axeitada, ao saírmos camiñar polo monte non hai que esquecer a mochila cos imprescinbles: auga, petiscos ou cura para feridas.
"Nas rutas dun día podemos levar mochilas un pouco máis pequenas de 25 a 35 litros. Logo moitas veñen coas costas reforzadas e ventilada que axuda. E á hora de axustalas realmente todo o peso ten que recaer na cadeira que é a que vai suxeitar un pouco máis o peso", explica Jaime Larriet, técnico da Agrupación de Montañeiros Independentes.
Tamén recomendan o uso de bastóns que logra reducir ata nun 30% o peso corporal que recae sobre as pernas. "Ten que quedar o cóbado a uns 90º para camiñar en recto e despois o peso ten que recaer directamente no pulso", engade este especialista.
Para evitar sobresaltos é vital planificar a ruta sen perder de vista a predición meteorolóxica.
"Creo que é unha actividade física que pode ser apta e abarca a calquera público así que a xente non teña medo a botarse a andar e a camiñar", anima o propio Jaime Larriet.
Na súa sede da Coruña, a Agrupación de Montañeiros Independentes xa está a preparar para maio unha andaina de varios días a Picos de Europa.