Publicador de contidos

Publicador de contidos

Misterio macabro en Valdoviño: aparece un cadaleito abandonado ao pé dun colector

Misterio macabro en Valdoviño: aparece un cadaleito abandonado ao pé dun colector

O féretro, atopado na zona do Graño, preto dun colexio, estaba medio desfeito, e non contiña restos humanos

Restos do cadaleito xunto o colector onde apareceu, no Graño
G24.gal 19/02/2026 14:37

Perplexos están en Valdoviño tras a aparición dun cadaleito na zona do colexio. Abandonouno alguén ao pé dun colector, no Graño. Uns veciños vírono ao pasar co coche e avisaron no Concello. Benito Vega, concelleiro de servizos, foi o primeiro en achegarse para comprobalo e o que achou foi -di- "de película".

"O que se vía era a tapa dun ataúde, dada a volta. Chamei á Policía Local e nunca viran tal cousa, un cadaleito tirado aí, do lado dun colector", relata.

Era unha caixa de morto, por sorte sen pinta de que fora ocupada. "A preocupación era que houbera restos humanos, ósos ou algo, pero por sorte non había nada", di Vega. "Había un saco -lembra-, pero contiña a tapicería e outros restos do cadaleito, que estaba xa moi deteriorado".

De acordo tamén coa Garda Civil, o servizo de recollida de residuos levou o cadaleito. Quen o tirou, non deixou rastro. "Casas non hai preto, supoño que virían cunha furgoneta, de noite, botárono aí e xa está", lamenta o concelleiro.

Anécdotas á parte, dende o Concello lembran que hai un servizo de recollida de residuos voluminosos e que hai multa para quen incumpra. Piden colaboración para tentar dar cos donos do cadaleito, e cargarlles o morto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar