Un dos últimos afiadores, inmortalizado en San Xoán de Río
Os afiadores ourensáns levaron o chifre polo mundo adiante, pero hoxe en día perviven unicamente no recordo dos máis vellos
Con noventa anos, o último afiador Castiñeiro quedou inmortalizado nun famoso mural
Juan Pérez, o afiador de Castiñeiro, posa orgulloso ante o mural que o inmortaliza e mesmo se anima a tocar o chifre. Cóntanos que se botou ao mundo como afiador porque o traballo no campo non era o seu. "Eu sería un mal agricultor. Non me gustaba o campo", ri.
Aínda conserva a última roda que empregou, en Barcelona. Unha motorizada, porque sempre buscaba a maneira de reducir esforzos.
"Ía a Andorra, que había 250 quilómetros e ao mellor botaba unha semana. Tamén marchei por Mahón, Ciudadela... e en Palma de Mallorca tamén paseamos un montón de sitios", conta Juan.
Antes xa estivera en Castela, afiando en bicicleta. Á parte do chifre, tamén lle tiraba o canto: "Facíaas rir moitas veces. Dicíalles ás mulleres 'Son afiador que á Mancha vou afiar, sacarlles os cartos a unhas cantas manchegas".
Turismo de afiador. Levou o oficio por España adiante e agora exhíbeo na súa aldea natal, da man do artista urbano Mon Devane, que con esta obra quedou finalista dos mellores murais do mundo.
"Encántame ver este mural. Estou neste banco mirando unha hora ou dúas. E o artista que o fixo, que se chama Mon, para min é o mellor do mundo".