"Fíxeno toda a vida e nunca me pasou nada", di a 'Spider Woman' de Moaña
A muller limpa as ventás por fóra, colgada na fachada, sen protección
De repetilo, exponse a unha multa de entre 100 e 600 euros polo risco para ela e para os demais
Setenta anos, áxil coma unha lebre, e a casa coma unha patena. Por dentro e por fóra.
"Estou moi áxil, si. Non hai máis que mirarme", confesa a muller.
Con esa axilidade da que presume, cólgase das ventás sen ningún tipo de suxeición. Como Spiderman, pero en muller. Agárrase á experiencia.
"Sempre as limpei e nunca tiven problema. Toca madeira", engade ela mesma.
"Vai por fóra e límpaas de pé, agarrándose ao marco. Vai con zapatillas, chanclas. A ela dálle igual. O que lle importa é ter todo limpo", explica unha veciña que a ten xusto en fronte.
O medo que non ten ela pásano os veciños.
"Ponse enriba das beiravías e é un perigo que caia abaixo. Nós estamos aquí tomando o café e nos poñemos todas nerviosas. Ela toda tranquila, abre as ventás, sae para fóra, limpa as ventás. Un escándalo", lamenta unha veciña.
"As miñas clientas cando vai limpar os cristais dálles grima e póñense de costas. Non só polo dano que se poida facer se cae, senón por se cae enriba dunha persoa ou dun coche", coincide a dona do negocio máis próximo.
Por ese risco para ela mesma, pero tamén para os demais, a Policía Local tena advertida. Chamáronlle a atención dúas veces e pode haber sanción de entre 100 e 600 euros se se colga unha terceira. Ampáranse na Lei de protección da seguridade cidadá. O máis parecido que recolle é a prohibición de escalar fachadas cando haxa risco para as persoas. Para ela hai ancho dabondo.
"Ao poñerlle dobre ventá é algo máis estreito pero aínda ten un bo cacho. Pero eu a estas alturas xa non fago esas aventuras", comenta a 'Spider Woman'.
Aventuras non, pero canto faga falta para ter a casa "impecable", como ela mesma recoñece. É como se sente a gusto.