Os viadutos da Autovía do Morrazo, sometidos a inspección
Para comprobar o estado da infraestrutura, os técnicos baixan con guindastres ata as unións das pías coas vigas
Cada día circulan pola Autovía do Morrazo preto de 20.000 vehículos. Para garantir a seguridade desta estrada, estanse a revisar tres viadutos para determinar as obras de mellora e reparación que se levarán a cabo nuns meses.
Os traballos de inspección céntranse en revisar os neoprenos, as gomas que están entre as pías e as vigas dos viadutos, que co paso do tempo poden desprazarse ou deteriorarse.
Para poder revisar esas unións por baixo dos viadutos, ademáis de drons, faise unha inspección ocular onde guindastres especiais coma esta, que permiten desprazar a cesta onde van os técnicos e descender ata achegarse á unión das pías coas vigas.
Nesta fase revisan tres viadutos da Autovía do Morrazo: o da Moura, o da Mo e o da Fraga. En setembro, tocará cambiar unha ducia de neoprenos.
"Os neoprenos poden estar deformados, rotos ou desplazados. A actuación consiste en alzar as pías para que as vigas queden libres e poder substituír eses neoprenos por uns novos", di Roberto Antonio Castro Blanco, enxeñeiro.
Os condutores agradecen as medidas de prevención nunha vía moi concorrida.
"Non se trata só de incrementar os quilómetros de altas prestacións, senon tamén conservar e manter as nosas infraestruturas, e traballos coma este son espectaculares", afirma María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
A conselleira supervisiou as tarefas previas á reparación. Os traballos de reparación desenvolveranse durante uns dous meses, en que se levantarán uns dous centímetros as vigas e o firme para separalo dos piares e poder operar.