Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marco Rubio di que os EUA queren revitalizar os lazos cunha Europa forte

Marco Rubio di que os EUA queren revitalizar os lazos cunha Europa forte

O secretario de Estado de Trump manifesta as súas dúbidas sobre a vontade negociadora de Rusia

Von der Leyen pide revivir a cláusula de defensa mutua da UE: "Chegou o momento"

Keir Starmer reclama avanzar cara a unha OTAN máis europea ante a ameaza de Moscova

Rubio na Conferencia de Seguridade de Múnich. REUTERS/Liesa Johannssen Rubio na Conferencia de Seguridade de Múnich. REUTERS/Liesa Johannssen
G24.gal 14/02/2026 09:26 Última actualización 14/02/2026 11:55

O secretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, afirmou este sábado que o seu país e Europa existen xuntos e deben arranxar en común os "erros do pasado".

Durante a súa intervención na Conferencia de Seguridade de Múnich, asegurou que ambas as dúas potencias deben cooperar na nova orde mundial porque a Administración de Donald Trump quere unha Europa forte e unha Europa que sobreviva.

Segundo dixo, os Estados Unidos non buscan separarse de Europa, senón revitalizar unha vella amizade e "renovar a maior civilización da humanidade".

Salientou que o logrado por ambas as dúas partes durante o último século xa é historia e que unha nova orde mundial ou futuro é "inevitable".​​​​

Fin da guerra ruso-ucraína

Respecto á mediación entre Rusia e Ucraína para rematar coa guerra, manifestou non saber se Putin negocia seriamente para acabar co conflito.

Malia e todo, declarou que Washington vai seguir poñendo a proba a vontade de Moscova.

"Non o sabemos. Non sabemos se os rusos van en serio para acabar coa guerra. Eles din que si".

Von der Leyen durante a súa intervención. REUTERS/Liesa Johannssen Von der Leyen durante a súa intervención. REUTERS/Liesa Johannssen

Cláusula de defensa mutua

Durante o seu discurso, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, apelou a revivir a cláusula de defensa mutua da UE e instou a Europa a ser máis independente para garantir a súa propia seguridade.

"Creo que chegou o momento de dar vida á cláusula de defensa mutua de Europa. A defensa mutua non é unha tarefa opcional para a UE (...) É o noso compromiso colectivo apoiarnos mutuamente en caso de agresión", dixo a mandataria europea.

Esta cláusula introduciuse no Tratado de Lisboa no 2007, no artigo 42.7 polo que os Estados membros teñen "a obriga de prestar axuda e asistencia con todos os medios ao seu alcance" se outro Estado membro é vítima dunha agresión no seu territorio.

A asistencia pode ser militar pero tamén diplomática ou médica. Con todo, Von der Leyen engadiu que "este compromiso só ten peso se se basea na confianza e a capacidade" e sinalou que a UE debe ser máis rápida á hora de tomar decisións.

"Isto pode significar basearnos no resultado dunha maioría cualificada en lugar da unanimidade", suxeriu, para o que non faría falta cambiar as normas do bloque comunitario. Porén, fixo un chamamento á creatividade.

Así mesmo, a presidenta do Executivo europeo fixo fincapé en "formalizar os inicios de novas colaboracións en materia de seguridade" con países como O Reino Unido, Noruega, Islandia ou O Canadá.

Doutra banda, Von der Leyen reiterou que a UE "necesita" unha nova estratexia de seguridade na que todas as políticas comunitarias teñan "unha dimensión de seguridade clara nesta nova orde mundial".

"Necesitamos unha nova doutrina para iso, cun obxectivo sinxelo: garantir que Europa poida defender o seu propio territorio, a súa economía, a súa democracia e o seu modo de vida en todo momento", dixo.

Finalmente, a política alemá e ex ministra de Defensa urxiu a "derrubar o muro ríxido que separa os sectores civil e de defensa" e a comezar a considerar a industria automobilística, aeroespacial e de maquinaria pesada "como parte fundamental da cadea de valor da defensa".

Keir Starmer en Múnich. Stefan Rousseau/Pool vía REUTERS Keir Starmer en Múnich. Stefan Rousseau/Pool vía REUTERS

Unha OTAN máis europea

Pola súa banda, o primeiro ministro británico, Keir Starmer, dixo que Europa debe avanzar cara a unha OTAN máis europea e debe estar "lista para loitar" ante a ameaza rusa.

Na súa intervención nesta conferencia, centrada na soberanía europea de defensa e a guerra en Ucraína, o xefe do Goberno británico resaltou que Rusia demostrou o seu "afán de agresión".

Segundo precisou, esa OTAN máis europea debe estar sustentada por vínculos máis profundos entre o Reino Unido e a Unión Europea.

Starmer subliñou que a ameaza de Rusia, a prosperidade e a seguridade futura do Reino Unido dependen duns vínculos máis estreitos en materia de defensa e seguridade con Europa, e recalcou que o seu país xa non é o dos anos do Brexit.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade