Wall Street cae un 1,28 % tras a promesa de Trump de seguir atacando Irán "con dureza"
Repite que desbloquear o estreito de Ormuz debe ser cousa doutros países, vólveos instar a tomalo e recoméndalles que merquen cru estadounidense
A bolsa española e as europeas pechan con lixeiras caídas ante a perspectiva de que mellore a situación en Ormuz
As bolsas de Asia pechan con caídas
Wall Street abriu este xoves en vermello e o seu principal indicador, o Dow Jones de Industriais, caía un 1,28 % despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, prometese seguir atacando Irán "con dureza", acabando así coas esperanzas dos investidores dun rápido final da guerra.
Á apertura do parqué neoiorquino, o Dow Jones perdía 596 puntos, ata os 45.969; o selectivo S&P 500 baixou un 1,32 % ata os 6.488 enteiros e o tecnolóxco Nasdaq restaou un 1,86 % ata as 21,435 unidades.
Na bolsa española o IBEX 35 baixou o 0,14%, ata os 17.555,9 puntos.
O petróleo subiu un 5,76 %, co barril de Brent en 106,9 dólares. Repsol foi o valor máis beneficiado, cunha alza do 3,9 %, seguido de Redeia, co 2,59 %, e Cellnex, co 2,53 %; mentres que as maiores caídas foron para ArcelorMittal, co 2,23 %; Sabadell, co 1,92 %; e Santander, co 1,73 %.
O presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou este mércores que os EUA completarán os seus obxectivos militares en Irán nunhas "dúas ou tres semanas" e ameazou ao réxime iraniano con golpes de "extrema dureza" e "devolvelos á Idade de Pedra", nun discurso no que non fixo referencia á posibilidade de enviar tropas sobre o terreo nin achegou detalles máis concretos tras máis dun mes de hostilidades.
"Esta noite, é un pracer anunciar que os obxectivos estratéxicos centrais están preto de ser completados", indicou Trump, que tampouco fixo mención no seu discurso, emitido en horario de máxima audiencia en todas as televisións do país, ás súas desavinzas coa OTAN por non apoialo na súa ofensiva conxunta con Israel.
A pesar da expectación sobre as palabras do republicano este mércores, que anunciara un gran discurso para actualizar sobre a operación Furia Épica iniciada o pasado 28 de febreiro, Trump, nunha alocución televisada de menos de 20 minutos, non ofreceu detalles precisos sobre canto vai durar a guerra, se se expón o despregamento de tropas en solo iraniano nin como garantir a reapertura do estreito de Ormuz.
Pola contra, Trump reiterou a súa mensaxe de que a República Islámica estaba a ser "decimada" nese preciso instante e previu que o estreito de Ormuz, vía estratéxica dun quinto do petróleo mundial e un terzo do gas licuado, "abrirase só" e de "xeito natural" cando se repreguen.
"Podo afirmar esta noite que estamos en camiño de completar todos os obxectivos militases dos Estados Unidos en breve; moi pronto imos golpealos con extrema dureza. No transcurso das próximas dúas ou tres semanas imos devolvelos á Idade de Pedra", declarou o presidente, que ameazou de novo con atacar as súas plantas eléctricas.
O mandatario insistiu nas mesmas mensaxes que estivo enviando a través de redes sociais, intervencións públicas ou entrevistas nos últimos días e que non deixan claro cando Washington quere poñer fin á operación.
"Mentres tanto, as conversacións continúan", asegurou Trump tras incidir en que o cambio de réxime en Irán non era o obxectivo dos EUA. na ofensiva conxunta con Israel.
"Con todo, produciuse un cambio de réxime, dado que todos os seus líderes orixinais morreron", afirmou con respecto á morte de importantes figuras do Goberno iraniano (entre eles o líder supremo Alí Khamenei) e os interlocutores cos que está a tratar agora Washington, aparentemente o presidente do parlamento, Mohamad Baqer Qalibaf.
O estreito de Ormuz "abrirase só"
Sobre o estreito de Ormuz, o principal talón de Aquiles da operación, Trump considerou que se abrirá de xeito natural porque, asegurou, a parte complicada "xa terminou".
"Unha vez que este conflito terminase, o fluxo restablecerase de xeito natural. Simplemente abrirase por si só. Eles quererán ter a posibilidade de vender petróleo, pois é o único que posúen para intentar reconstruír o seu país. Renovarase o fluxo, así como a subministración de gas", asegurou.
Trump, que sabe do impacto dos prezos de combustible en ano electoral, recoñeceu que "moitos estadounidenses están preocupados ao ver o aumento recente dos prezos da gasolina" e asegurou: "Este aumento de curto prazo foi enteiramente resultado do lanzamento de ataques terroristas" por parte do réxime iraniano contra petroleiros, algo que demostra que Irán non deberá ter nunca armas nucleares, na súa opinión.
Sen mención explícita á OTAN
As palabras chegan despois de que o mandatario ameazase este mércores en dúas entrevistas diferentes con abandonar a OTAN despois da negativa dos seus aliados para colaboraren na guerra, algo ao que tampouco fixo referencia directa.
Trump tivo palabras de agradecemento para Israel e os seus aliados do Golfo, pero cargou contra aqueles países que non quixeron apoiar a guerra nin enviar activos militares para protexer o tráfico marítimo en Ormuz, aínda que foi algo menos cruento que en días anteriores e evitou mencionar a Alianza Atlántica no seu discurso.
"A aqueles países que non logran conseguir combustible -moitos dos cales se negan a involucrarse na decapitación de Irán-; tivemos que facelo nós mesmos", aseverou o mandatario.
"Teño unha suxestión. Número un: compren petróleo aos EUA. Temos en abundancia. Temos moitísimo. E número dous: reúnan ese valor que postergaron. Deberían facelo antes. Deberían facelo xunto a nós, tal como lles pedimos: vaian ao estreito, simplemente tómeno, protéxano e utilíceno para vostedes mesmos. Irán quedou, en esencia, decimado", engadiu.
As bolsas europeas presentan caídas leves ante a perspectiva de mellora en Ormuz
París baixa 0,24 %
O principal índice da Bolsa de París, o CAC-40, logrou este xoves limitar as súas perdas ata o 0,24% pola posibilitade de que se tranquilice a situación no estreito de Ormuz, tras informarse das negociacións entre Irán e Omán para un protocolo de cooperación neste corredor enerxético.
A praza parisiense quedou nos 7.962,39 puntos, con 21 valores en alza e 19 á baixa.
O fabricante de semiconductores STMicrolectronics (-2,84 %) e os bancos Société Générale (-2,61 %) e BNP Paribas (-2,44 %) lideraron as caídas.
En verde, terminaron o fabricante de automóbiles Stellantis (3,97 %), a cadea de laboratorios Eurofins Scientific (2,83 %) e a petroleira TotalEnergies (2,40 %), valor refuxio cando hai crises petroleiras.
Milán cae un 0,20 %
Milán pechou este xoves á baixa e o seu índice selectivo FTMIB perdeu un 0,20 %, situándose nos 45.624,94 puntos, penalizado polas enerxéticas e a evolución da guerra de Irán e da situación no estreito de Ormuz.
Pola súa banda, o índice xeral FTSE Italia All-Share caeu outro 0,20 %, ata os 47.956,74 enteiros.
As petroleiras Eni e Saipem gañaron un 4,27 % e un 3,50 % respectivamente e o fabricante de tubos de aceiro para esta industria, Tenaris, aumentou nun 1,36 % o valor das súas accións.
Tamén subiron outros importantes títulos enerxéticos como as gasistas Snam (2,21 %) e Italgas (1,97 %) ou a eléctrica A2a (2,16 %). O coloso do motor Stellantis escalou un 4,08 %.
Banca Monte Paschi Siena perdeu un 2,77 %; Unicredit, un 2,54 %; Mediobanca, un 2,51 %; Banca Popolare Emilia Romagna, un 1,82 %, e Intesa Sanpaolo, un 1,24%, entre outras compañías.
Londres sobe un 0,69 % impulsada polas petroleiras
O índice principal londiniense, o FTSE 100, sumou 71,50 puntos ata 10.436,29, mentres que o secundario, o FTSE 250 -que agrupa a empresas máis pequenas en xeral británicas-, baixou un 0,21 % ata os 21.642,30 enteiros.
O prezo do petróleo brent para entrega en xuño subía hoxe máis dun 6 % e superaba os 107 dólares no mercado de futuros de Londres, despois de que o presidente estadounidense, Donald Trump, ameazase unha vez máis con "golpear duro" a Irán se non chegan a un acordo para poñer fin ao conflito.
A petroleira Shell subiu un 2,90 % e BP ascendeu un 2,64 %, mentres que a gasística Centrica acabou cun 3,07 % máis.
A mineira Endeavour Mining descendeu un 2,42 %, e Fresnillo retrocedeu un 1,72 %.
Caen as bolsas en Asia despois das declaracións do presidente estadounidense
En Corea do Sur, o Kospi afundiu un 4,47 % ou 244,65 puntos, topando os 5.234,05 enteiros, tras dispararse un 8,44 % no peche da sesión previa. Mentres, o Kosdaq, que agrupa a empresas tecnolóxicas e de mediana capitalización, reduciuse un 5,36 %, ou 59,84 puntos e terminou en 1.056,34 unidades.
O operador da praza surcoreana, Korea Exchange, activou arredor dunha hora e media antes do peche un 'sidecar' de venda en ambos os indicadores, mecanismo que suspende temporalmente as vendas programadas, despois de que se rexistran caídas superiores ao 5 %.
Samsung Electronics, valor de referencia, caeu un 5,91 %.
No Xapón, o Nikkei tropezou un 2,38 % ou 1.276,41 puntos, ata os 52.463,27, tras repuntar un 5,24 % a sesión previa, á vez que o Topix, índice máis amplo que inclúe ás firmas da sección principal, as de maior capitalización, deixou un 1,61 %, ou 59,23 puntos, ata as 3.611,67 unidades.
O sector tecnolóxico e dos semiconductores foi un dos máis castigados no Xapón, con Advantest esborrallándose un 6,11 % e Tokyo Electron, un 3,21 %.
O referencial de Hong Kong, o Hang Seng, cedeu un 0,7% ou 177,5 puntos, ata quedar en 25.116,5, mentres os principais indicadores de Shanghái e Shenzhen deixáronse un 0,74 % e un 1,6 %, respectivamente.
O índice que segue a evolución dos trescentos principais valores deses dous últimos mercados, o CSI 300, descendeu un 1,04 %.
Simultaneamente, alén do estreito de Taiwán, o Taiex da Bolsa de Taipei deixou un 1,82 %.
Na India, o BSE Sensex de Bombai gañou un 0,25 %, mentres o Nifty 50 sumou un 0,15 %.
En Indonesia, o principal indicador, o JCI de Iacarta, baixou un 2,19 % ou 157,66 unidades, ata as 7.026,78.
Vietnam baixou un 0,46 %; Malaisia un 0,62 %; Singapur, un 0,62%; Tailandia, un 0,36%, e Filipinas non operou por festivo nacional.