Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os monarcas presiden en Vigo o desfile do Día das Forzas Armadas

Os monarcas presiden en Vigo o desfile do Día das Forzas Armadas

A princesa Leonor asistiu por primeira vez a este acto no que participaron máis de 3.700 militares

A exhibición aérea, na que ían intervir 70 aeronaves, suspendeuse polas condicións meteorolóxicas

Milleiros de persoas presencian en Samil a demostración dinámica dos distintos exércitos

G24.gal 30/05/2026 09:14 Última actualización 30/05/2026 21:14

O rei Filipe VI e a raíña Letizia presidiron este sábado en Vigo o desfile do Día das Forzas Armadas, ao que asistiu por primeira vez a súa filla, a princesa Leonor. 

exhibición aérea, en que ían intervir 70 aeronaves, suspendeuse por mor das condicións meteorolóxicas. Porén, o ceo nubrado non impediu que a xente comezara ocupar a contorna de Samil dende ben cedo. 

O acto botou a andar pasadas as 12:00 horas coa chegada dos monarcas e da súa filla á tribuna real. Filipe VI ía ataviado co uniforme de gala do Exército de Terra e a herdeira, co de alférez de 4º do Aire e do Espazo.

A princesa levaba unha insignia cun paracaídas no círculo vermello, que acredita a realización dun curso voluntario desta especialidade, algo que non fixo o seu pai.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, e o xefe do Estado Maior, o almirante xeneral Teodoro Esteban López Calderón, encargáronse do recibimento, xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde da cidade, Abel Caballero.

Cae a bandeira

Un dos contratempos da xornada viviuse durante o izado da bandeira, que se precipitou ao soltarse a corda que a sostén ao mastro. Tras o percance, colocouse nunha bandexa e a da Garda Real presidiu o desfile, logo da homenaxe ás persoas que deron a súa vida por España.

O pasado ano, dous membros do Exército de Terra faleceron en acto de servizo, outros 1.207 quedaron feridos en territorio nacional e 68 en misións no exterior, segundo os datos facilitados pola Asociación de Tropa e Mariñeiría Española (ATME).

A bandeira caeu ao soltarse a corda que a sostén ao mastro. EFE/Lavandeira Jr. A bandeira caeu ao soltarse a corda que a sostén ao mastro. EFE/Lavandeira Jr.

Nin exhibición aérea nin salto paracaidista

As nubes obrigaron a cancelar o salto paracaidista da patrulla acrobática do Exército do Aire (Papea), que ían executar o subtenente Alberto Vidal, de Pontevedra, e o sarxento primeiro Pablo García Matanza, de Lugo.

O estado do ceo tamén impediu realizar o voo dos seis avións Pilatus PC-21 da Formación Mirlo, dunha trintena de aeronaves de caza (Eurofighter, F-18, Harrier...), de dez avións de transporte e 29 helicópteros que ían conformar o desfile aéreo.

Malia que estas pequenas incidencias restaron brillo ao desfile, o entusiasmo do público asistente non decaeu durante a hora que durou o acto.

Máis de 3.700 efectivos

Un total de 3.746 efectivos (3.402 homes e 344 mulleres) do Exército de Terra, do Aire e do Espazo, da Armada, da Unidade Militar de Emerxencias (UME), da Garda Real e da Garda Civil a pé desfilaron nun percorrido de 1.165 metros.

Na marcha, que se iniciou na avenida da Constitución á altura da rúa Argazada e rematou na intersección coa do Río, participaron un total de 109 vehículos, 32 motos, 130 cabalos, 6 cans e un cordeiro.

No desfile participaron 130 cabalos. EFE/Salvador Sas No desfile participaron 130 cabalos. EFE/Salvador Sas

O debut do blindado 8x8 Dragón

Entre carros de combate Leopardo e Pizarro estreáronse dous blindados 8x8 Dragón, aos mandos da brigada Rei Afonso XIII da Lexión. Como é habitual, esta unidade xunto á UME foron as máis aplaudidas.

O corpo de elite volveu concorrer coa súa mascota de catro anos, Baraka, que en árabe significa "boa sorte". O cordeiro macho de raza castelá, ao que lle gustan os flocos de millo, xa participou o ano pasado en Madrid na parada militar do 12 de outubro.

Con este desfile culmina unha semana de celebracións na cidade olíviva, entre as que destaca a exhibición dinámica que tivo lugar este venres en Samil, tamén presidida polo rei Filipe VI, na compaña da ministra de Defensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade