Publicador de contidos

Publicador de contidos

Luís López: "Somos a provincia esquecida por terra, mar e aire"

Luís López: "Somos a provincia esquecida por terra, mar e aire"

O presidente da Deputación de Pontevedra denuncia falta de vontade política no Goberno central para impulsar o AVE co Porto

Acusa os alcaldes de Vigo e de Pontevedra de empregar a confrontación para sacar rédito electoral
 

G24.gal 04/10/2026 09:45 Última actualización 04/10/2026 09:46

O presidente da Deputación de Pontevedra acusa o Goberno do Estado de desleixo no tocante á conservación e ao impulso das infraestruturas na provincia.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Luís López, asegurou que hai "falta de vontade política" á hora de impulsar proxectos como a conexión por AVE co Porto, unha situación que considera extrapolable ás infraestruturas aéreas e viarias.

"Estamos a sufrir ese esquecemento por mar, terra, e aire. Por aire, o caso do aeroporto. Por mar, cando non fomos porto nodal sendo Vigo unha referencia a nivel de Europa. Logo están as estradas nacionais… que supoñen un risco importante para a seguridade dos propios vehículos pero tamén dos peóns".

López reclama un plan integral de mellora das estradas porque as reparacións efectuadas como resultado -segundo explicou- da presión da Deputación e dos concellos "non é suficiente".

En canto aos aeroportos, asegurou que o modelo actual non é válido porque "os voos só sobreviven mentres hai subvencións".

"Vigo non é capaz de captar vóos. En setembro quedaron uns voos nacionais testemuñais. Isto veu dunha política do Concello de Vigo que destinou 10 millóns de euros e o que voaron non foron os avións senón os dez millóns de euros".

Luís López aposta por captar viaxeiros en orixe para que as aeroliñas estean interesadas en manter as rutas.

"Nós destinamos 400 mil euros para poder captar en orixe público que veña á provincia de Pontevedra e ás Rías Baixas con todas as fortalezas que temos. Queremos cambiar ese modelo porque quedou demostrado que non funciona".

Turismo

O presidente da Deputación de Pontevedra suliñou que, por primeira vez, no mes de maio, visitaron a provincia máis turistas internacionais que nacionais.

Tamén sacou peito dos viaxeiros que pasaron o verán nas Rías Baixas, o que atribuíu ao traballo feito polo ente provincial en materia de promoción.

"Nos meses de verán recibimos 700.000 visitantes. Iso é o 30% dos que chegaron a Galicia. Somos destino líder de ocupación".

Xestión da auga

Luís López asegurou que a Deputación de Pontevedra está a realizar "un esforzo moi importante no financiamento de actuacións para mellorar o abastecemento municipal".

Porén, admitiu que non é dabondo polo que o ente provincial deseñou un plan destinado ás traídas veciñais. Un sistema que mesmo presentarán, segundo avanzou, na Semana Europea das Rexións que se celebra en Bruxelas a partir do 12 de outubro.

"Dende a Deputación deseñamos un plan específico para a mellora das traídas dende a captación, todo o que ten que ver coas tubaxes, o sistema de clorado, os controis e a legalización porque moitas delas estaban sen legalizar".

O presidente provincial explicou que destinaron a este cometido unha partida de oito millóns de euros.

"Cada comunidade ou usuario de auga recibe ata dez mil euros, ou sexa, que lles financiamos o 100%".

Infraestruturas deportivas

Luís López explicou, na Radio Galega, que un dos obxectivos do seu mandato é converter a provincia de Pontevedra na "provincia do deporte". Para logralo, afondou, apoian os deportistas e os clubes; promoven infraestruturas deportivas e tratan de atraer turismo a través de eventos como as series mundiais de tríatlon, que se veñen de celebrar, a Supercopa Ibérica de Balonmán ou a Vuelta.

"Dámoslles liberdade aos concellos para que gasten o diñeiro pero obrigámolos a destinar unha cantidade específica a infraestruturas deportivas. Iso está provocando unha revolución".

En canto ao mundial de 2030, sinalou que recentemente ofrecéronlle ao concello de Vigo 250.000 euros para cofinanciar a redacción do proxecto de ampliación da bancada de tribuna, unha obra imprescindible para apuntalar as aspiracións da cidade olívica de converterse nunha das sedes da Copa do Mundo.

Unha achega á que hai que que engadir os 13 millóns de euros que o ente provincial xa investiu nas obras da bancada de gol.

"Eu confío en que iso colla un bo camiño porque temos que ser unha referencia no deporte. Xa o somos pero o mundial pode contribuír".

Vigo e Pontevedra

Luís López denunciou que as dúas cidades mudaron de estratexia con respecto ás relacións coa Deputación por intereses electorais.

"Cando se decataron de que os cálculos electorais non lles daban, cambiaron a estratexia por completo e foron á confrontación. Nós, man tendida. Que hai proxectos estratéxicos en Pontevedra e en Vigo? Alí estaremos con total seguridade".

O presidente provincial destacou o apoio da Deputación aos concellos nos que realizaron máis de 2.000 actuacións por valor de 600 millóns de euros.

"Non somos unha Deputación de dous concellos, como era antes, das grandes cidades, senón da totalidade dos concellos".

Noutra orde de cousas, o tamén presidente do PP na provincia de Pontevedra afirma que o congreso da formación, previsto para o 21 e o 22 de novembro, servirá para "reforzar o proxecto do partido arredor do mellor presidente que poida ter Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade