O BNG reprocha ao Goberno o "inmenso" gasto militar "nun momento de crise"
Os nacionalistas participaron na mobilización convocada pola Plataforma Galiza pola Paz coa que quixeron amosar o rexeitamento ao desfile do día das Forzas Armandas
Néstor Rego lamentou que o Goberno de Sánchez protagonice "o maior incremento militar das últimas décadas"
O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, cargou este sábado contra o "inmenso" gasto realizado polo Goberno central no desfile das Forzas Armadas que este ano acolle Vigo e na mobilización de material bélico "nun momento de crise social e económica".
O nacionalista trasladou as súas críticas xusto antes do arranque da manifestación convocada no centro de Vigo pola Plataforma Galiza pola Paz, na que centos de persoas mostraron o seu rexeitamento ao desfile que ocorreu en Samil á mesma hora, a uns poucos quilómetros da protesta.
Desde alí, Rego referiuse ao desfile como "unha exaltación do militarismo absolutamente custosa e innecesaria". Así, considera un "despropósito" destinar recursos públicos a estes fins en lugar de facelo a "necesidades urxentes", como o son, ao seu modo de ver, a vivenda, a sanidade, a dependencia e os servizos públicos.
"No BNG témolo claro: escollemos entre militarismo e defensa da democracia e de Galicia como nación. Fronte ao gasto militar, optamos polo investimento social; e, fronte á guerra imperialista, optamos pola paz e pola soberanía dos pobos, incluído o pobo galego", aseverou.
Deste xeito, apuntou ao Goberno de Sánchez como responsable do "maior incremento do gasto militar das últimas décadas", que liga a unha "escalada armamentística que hipoteca recursos públicos" e que realiza, nas súas palabras, "ao ditado da OTAN e dos Estados Unidos".
Por iso, Rego lembrou que a formación levará ao próximo pleno do Congreso unha moción para que todas as forzas políticas se posicionen: "En época de crise, cal debe ser a prioridade?". Deste xeito, instará a un posicionamento sobre a súa proposta para "reverter" as políticas de incremento de gasto militar e sobre a saída de España da OTAN, entre outros.