Tratan de rescatar unha manda de vacas atrapadas nun barranco da Ribeira Sacra
A zona é escarpada, co terreo esvaradío, polo que os traballos son complicados
Unha das reses morreu e outras están feridas
A familia propietaria das vacas e os veciños de Pena de Mouros traballan arreo desde a pasada tarde para rescatar unha manda de vacas que caeu nunha zona escarpada ata un lugar pouco accesible.
Deron recuperado sete animais pero as outras reses permanecen no fondo do canón, as ribeiras do Miño. Unha está morta, outras feridas.
Andrés Gómez é un dos propietarios das vacas e xatos atrapados. Cren que un lobo ou un xabaril puido asustalas e saíron correndo.
"Saltaron un muro duns tres metros ate o viñedo dun veciño e escolleron o peor dos camiños. Foron para a un precipicio. Unha zona case inaccesible, cunhas pendentes brutais".
Deron recuperado algúns animais pero outras reses permanecen no fondo do barranco.
"A solución é complicadísima. Deixalas morrer de fame aí, matalas, traer un helicóptero. Estamos avaliando todas as posibilidades e non sabemos ben que facer".
No operativo de rescate participan medios da Garda Civil, Protección Civil e os servizos veterinarios da Xunta de Galicia.
Luis Fidalgo é o presidente da agrupación de Protección Civil Taboada. Conta como "tentamos izar cun vehículo unha vaca que está preto da cima. É complicado porque está moi cansa".
A escarpada orografía e o terreo esvaradío pola chuvia dificultan o rescate dos animais.
Jose Luis Arias, xefe de área do servizo veterinario do sur de Lugo, subliña o estrés que sofren as reses atrapadas,
"Varias teñen feridas nas patas. A prioridade é seguridade das persoas e que ninguén se manque".
Os donos dos animais agradecen o esforzo de veciños e medios de emerxencias no rescate das vacas que confían teña un final feliz.