Este mércores entra en vigor a norma que multa con ata 15.000 euros as agresións a sanitarios
As modificacións na Lei de Saúde recoñecen a chamada violencia dixital como unha forma máis de ataque a este colectivo
Europa Press (Arquivo)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica os cambios na Lei de Saúde que reforza as medidas fronte ás agresións a persoal sanitario e contempla sancións de ata 15.000 euros cando son graves.
As infraccións de carácter leve, é dicir faltas de respecto ou insulto, entre outras, poden conlevar sancións de entre 300 e 1.500 euros; as graves, como ameazas ou ciberacoso, contemplan multas de entre 1.501 e 3.000 euros; e as moi graves, de entre 3.001 e 15.000 euros.
O texto, que publica o DOGA autoriza ao Consello da Xunta para que aprobe os regulamentos que sexan necesarios para a aplicación e desenvolvemento da lei, que entrará en vigor este mércores.
O Parlamento galego aprobou a reforma legal a finais de marzo
As modificacións na Lei de Saúde contaron cos votos a favor do Grupo Popular e do Grupo Socialista, mentres que o BNG e o deputado de Democracia Ourensá, Fernando Ojea, abstivéronse.
Fronte ao PP, que defende con contundencia a norma, da que di que supón un paso adiante, a oposición considera que "non vai á raíz do problema", que identifican con "a deterioración do sistema sanitario".
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o carácter pioneiro desta modificación da Lei de Saúde, sinalando como un dos aspectos máis novos da nova normativa o recoñecemento da chamada violencia dixital como unha forma máis de agresión, desde os insultos e as ameazas ata as campañas de desprestixio a través de medios electrónicos, que agora se suman ás agresións xa tipificadas físicas e verbais.
Trátase dunha demanda histórica do colectivo á que a Xunta, destacou Gómez Caamaño, dá resposta, incorporando ademais un réxime sancionador específico para as agresións que poidan sufrir no exercicio do seu labor.
Reforma da base medicalizada do 061 en Pontevedra
O conselleiro fixo estas declaracións durante unha visita institucional á base medicalizada do 061 en Pontevedra, onde estivo acompañando o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia, Román Gómez. Alí comprobou o resultado dunha reforma integral das instalacións, nas que a Xunta investiu 100.000 euros.
As actuacións permitiron mellorar tanto a distribución dos espazos como as condicións técnicas e enerxéticas do centro. A ampliación das dependencias, coa incorporación de novos cuartos, un almacén e un vestiario, súmase á modernización do sistema eléctrico, a implantación de iluminación LED e a renovación do mobiliario.
Na actualidade, esta base conta cun equipo formado por seis médicos, nove enfermeiros e trece técnicos de emerxencias, alén de profesionais en formación.