Abre en Vilalba un asilo para cabalos de competición retirados
O proxecto ofrécelles aos animais descanso, tranquilidade e pastos nun cento de hectáreas, ademais de coidados veterinarios
Os cabalos de competición teñen unha vida útil de entre quince e vinte anos, pero adoitan vivir uns dez anos máis. Para lles ofrecer unha xubilación digna, un empresario de Vilalba creou na parroquia de Goiriz un asilo ecuestre.
"Cando cumprían a súa etapa deportiva, a xente non tiña a posibilidade de ter os cabalos. E como telos nunha hípica é moito máis custoso, para que estean mellor os días de descanso e ata que eles poidan, pois puxemos en marcha este novo proxecto. Eles poderán gozar libremente do pasto, e que mellor que Galicia, onde hai pasto todo o ano e poden estar ao seu aire", sinala Xabi Paz, xerente do asilo de cabalos.
O refuxio conta cun cento de hectáreas de prados con pastos e dispón tamén dunha cuadra. O obxectivo do seu xerente é chegar a albergar unha vintena de animais, e en tan só un mes logrou cubrir a cuarta parte das prazas.
"A idea que teño é un límite de vinte animais, para que estean ben e non ter limitado o terreo nin o pasto. De momento temos cinco, tres aquí e outros dous noutra terra. Quedaríannos quince prazas libres, para as que estamos tendo bastantes chamadas, sobre todo do sur de España", explica o creador do asilo.
Deste xeito, os animais poderán vivir un retiro dourado na compaña doutros cabalos. Ademais, gozarán de coidados veterinarios o resto dos seus días.
"Nun prado, en lotes de ata cinco, o prezo sería de 200 euros ao mes, con vixilancia veterinaria e penso, de ser preciso. E se a xente prefire que estean nun prado e durman nunha corte, a tarifa sobe a 250 euros, para adaptarse ao cliente en función das súas necesidades", agrega Xabi.
Este asilo de cabalos forma parte da firma Equestrian Services, que é xa unhas das cinco empresas dun mozo de tan só 27 anos.