Publicador de contidos

Publicador de contidos

O sospeitoso da desaparición do veciño de Abadín confesa que o atropelou

O sospeitoso da desaparición do veciño de Abadín confesa que o atropelou

O home, en prisión por un delito de roubo, confesou que atropelou de forma fortuíta o ancián e que abandonou o cadáver nunha leira

A Garda Civil retomou os labores de busca do cadáver coa axuda de cans especializados

G24.gal 15/04/2026 08:12 Última actualización 15/04/2026 14:34

A Garda Civil retomou na tarde deste mércores os traballos para a procura dos restos de Enrique Bolívar Díaz, o octoxenario de Abadín que desapareceu sen deixar rastro en setembro de 2023 no barrio de Fontepresa, despois de que un dos seus veciños, Javier Montero, de 41 anos, confesase nas últimas horas que o atropelou de xeito accidental e tratou de desfacerse do cadáver nun piñeiral da mesma parroquia de Quende.

Tras levantarse este luns o segredo de sumario, a confesión do investigado, na tarde deste martes, puxo luz sobre o caso.

O home, que era veciño da vítima, coa que mantiña boa relación, recoñeceu que se asustou e subiu o cadáver do home ao seu coche para abandonalo nun piñeiral próximo.

O xulgado de Mondoñedo ordenou na mañá deste martes a reconstrución dos feitos, durante a cal o investigado non se mostrou colaborador, como explicou a avogada da familia, mantendo en todo momento unha "actitude distante".

Foi durante a tarde cando houbo un cambio de actitude pola súa banda; recoñeceu ante a xuíza ser o autor do atropelo mortal e explicou que abandonara o cadáver nese piñeiral, sen enterrar, pero tapado con broza. Despois de o buscaren durante horas, axentes da Garda Civil e forenses non acharon os restos do octoxenario.

Ao tratarse dun lugar frecuentado por animais, témese que este poida ser devorado por eles, pero aínda non apareceu na zona ningún resto humano, aínda que si localizaron restos de animais, segundo os forenses.

A procura retomouse con axentes e especialistas, na leira indicada polo autor confeso da morte de Enrique Bolívar na reconstrución dos feitos que tivo lugar este martes, en presenza da xuíza de Mondoñedo, que se fixo cargo da causa. Nos traballos participaron cans adestrados.

"Non atopar restos do home foi unha gran decepción para a familia", asegurou a representante legal dos curmáns do falecido, que eran os que o coidaban dada a súa avanzada idade porque non tivera nin fillos nin irmáns.

A piques de saír do cárcere

Para os familiares urxe que se formalice unha acusación sobre o autor confeso dos feitos, xa que está a piques de abandonar o cárcere na que estaba a cumprir unha condena por un delito de roubo. Consideran que se abandona o cárcere podería escaparse "para non afrontar as consecuencias" deste novo proceso legal.

A avogada da familia, Paula Salvador, espera contar cunha orde de prisión provisional a finais desta semana ou principios da que vén para que se manteña no cárcere ata que se leve o caso a xuízo.

Algúns indicios apuntaron desde o principio ao autor confeso da morte do ancián como sospeitoso.

Probablemente, o máis rechamante foi que o seu vehículo aparecese calcinado a uns corenta quilómetros, nunha gasolineira abandonada de Ribadeo, apenas unhas horas despois da desaparición de Enrique Bolívar, do que nada máis se soubo, a pesar das batidas realizadas durante días para dar con el.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade