A Garda Civil ten "pistas adecuadas" para localizar o condutor implicado no atropelo mortal de Vilanova
A Garda Civil ten "pistas adecuadas" para localizar o condutor implicado no atropelo mortal de Vilanova
A vítima, un home de 68 anos, estaba tirada no medio da estrada, nunha zona sen iluminación
Un primeiro coche decatouse do corpo, pero o segundo lanzouno a cincuenta metros
A Garda Civil continúa a investigación para tratar de dar co paradoiro do condutor supostamente implicado no atropelo mortal de Vilanova de Arousa, ocorrido na madrugada do pasado sábado, dispoñendo de "pistas adecuadas" para localizalo.
Así o sinalou o subdelegado do Gobierno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, quen lamentou a "fin de semana negra" vivida nas estradas pontevedresas, con dous atropelos mortais en Sanxenxo e Vilanova.
Accidente fatal, dos que se podía ver vir, pero non deste xeito. A vítima era home de rutinas.
"Era cliente habitual e todas as noites marchaba andando para a casa. Non cambiaba de ruta. Todos os días, pola noite, collía a mesma ruta", confirman no bar de onde saíu.
"Sempre para riba e para baixo, pola beira da estrada, pero sempre levaba o chaleco", engade outro veciño.
Mesmo percorrido. Algo máis de dous quilómetros do bar á casa. Vírono pouco antes do sinistro.
"Cheguei á casa sobre a unha e media e vin ao señor atravesando a estrada e si que levaba chaleco. Seguro. Dixen mira este home por aquí a estas horas pero cada un...", recoñece unha veciña.
O que pasou uns minutos despois é un misterio.
"El estaba tumbado na estrada e parou un coche que o viu sangrando. Entón, estaban chamando ao 112 e veu outro coche e levouno por diante, fixo sinais de parar e de aí arrancou. Non saben que coche é nin matrícula nin nada", relata o mesmo home, que vive a só uns metros.
Lanzouno a 50 metros, nunha zona con boas beiravías pero moi mala iluminación, o que puido influír no desenlace.
"Iluminación cero. Ese é un problema de vello. De feito, máis abaixo na rotonda onde se colle a vía rápida, no inverno cando hai néboa ten habido moitos accidentes por falta de iluminación", engade.
As fugas de madrugada son máis habituais do que parecen. Normalmente, asociadas a excesos de alcol.
Con todo, neste caso, a investigación está aberta e non se descarta nada. A Garda Civil non difundiu os poucos datos que ten do coche, o que leva a pensar que podería ter alguén no radar. Non se descarta que sexa da zona. É o que máis lle pesa á familia, que o ou a responsable non se detiveran a axudar. O home, sogro do alcalde de Cambados, está previsto que reciba sepultura este luns á tarde.