Ata catro coches víronse implicados no accidente que provocou o atropelo mortal de Sanxenxo
Algunhas testemuñas apuntan que un primeiro vehículo se detivo nun paso de peóns, o que viña detrás bateu contra el e a partir de aí produciuse a colisión múltiple
O atropelo sucedía contra as sete e media da tarde deste domingo na parroquia de Bordóns, na zona de praia de Areas, na estrada PO-308 que une Pontevedra e Sanxenxo. Unha vía con moito tráfico, sobre todo onte, coincidindo coa calor e coa trasfega da saída das praias.
Segundo datos da Garda Civil, produciuse un accidente múltiple con catro coches implicados. Por razóns que se están a investigar, un turismo gris acabou invadindo a beirarrúa e provocando o fatal desenlace. Algunhas testemuñas apuntan que un primeiro vehículo se detivo nun paso de peóns, o que viña detrás bateu contra el e a partir de aí produciuse a colisión múltiple.
O coche levou por diante tres persoas da mesma familia. A muller de 37 anos e natural de Pontevedra levaba a súa filla no colo. Ía acompañada do seu home e da súa nai. Tras o atropelo, a muller sufriu unha parada cardiorrespiratoria e os equipos de emerxencia non conseguiron reanimala.
A meniña, de 2 anos e medio, levou un golpe na cabeza, foi trasladada ao hospital, pero non reviste gravidade. A nai da falecida e avoa da pequena sufriu unha crise de ansiedade.
A causa principal que se baralla é o exceso de velocidade, xa que a freada se rexistrou a 60 Km/h. A vía está limitada a 50. O condutor deu negativo no control de alcol e drogas.