Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan un peregrino que se perdeu nun monte de Carnota xunto o grupo que guiaba

Rescatan un peregrino que se perdeu nun monte de Carnota xunto o grupo que guiaba

O resto do grupo deu volta, pero el avanzou baixo a intensa calor

Os bombeiros de Muros atopárono con síntomas de deshidratación no medio da vexetación

 

G24.gal 25/05/2026 14:38

Jorge leva 24 anos explorando os treitos máis descoñecidos do Camiño de Santiago. Pero onte unha equivocación puido custarlle a vida cando guiaba o seu grupo por un monte de Lariño, en Carnota, seguindo unha variante chamada "Volta de Gloria".

"Preto do cemiterio de Lariño metímonos nun bosque. Démonos conta de que iamos desviados pero había unha estrada moi preto no mapa e seguimos", explica Jorge González Paredes, escritor da Guía segreda do Camiño de Santiago e organizador da peregrinación.

"Ía moita calor, non viamos nada pola vexetación e os toxos...nun momento dado un de nós dixo, estamos a xogarnos a vida, pero de verdade", comenta o coñecido xornalista Antxon Urrusolo, tamén participante na peregrinación.

A calor do mediodía apertaba forte e a tensión medraba ao non atopar saída entre os toxos. Así que todos decidiron regresar por onde viñeran, menos Jorge.

"Fun algo cabezón e seguín porque vin que a estrada estaba pegadiña, pero non din chegado. Estaba exhausto e chamei ao 112", di Jorge.

"Vimos pasar unha ambulancia e os bombeiros, e non pensamos que fora por Jorge. Despois xa nos enteramos que estaba alí sen auga, que susto", engade Antxon.

Os equipos de emerxencias abriron un camiño para rescatalo, non sen antes lanzarlle auga para evitar que seguira deshidratándose.

"Chegou primeiro a ambulancia. Lanzáronme botellas de auga desde a estrada e despois chegaron os bombeiros que con roupa especial abriron a senda e me rescataron", conclúe Jorge.

Nas pernas quedáronlle tatuados os toxos como recordo dunha aventura que agarda non repetir xamais. Agora toca seguir con prudencia, unidos e con bo humor, os quilómetros que lles restan desde Muros a Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade