As candorcas atacan tres embarcacións que navegaban fronte á costa da Coruña
O grupo de cetáceos deixou sen temón un veleiro que precisou da axuda de Salvamento Marítimo para chegar a porto
Nin os mariñeiros máis experimentados conseguen atopar unha explicación a estes comportamentos das candorcas nos últimos tempos.
"Normalmete non atacan nunca. Desde hai anos para a aquí vese que están atacando veleiros pero nunca pasou iso. E candorcas hobo toda a vida", di un mariñeiro.
O último susto lévarono os tripulantes de dous veleiros e un catamarán que esta fin de semana navegaban fronte á costa da Coruña. Un deles, o Pogolap 1, mesmo precisou da actuación dos medios de Salvamento Marítimo. A arremetida das candorcas deixouno sen temón e a Salvamar Betelgeuse acabou remolcando o veleiro cara aos pantaláns de Mariña Coruña, onde agarda a súa reparación. As outras dúas embarcacións conseguiron chegar á Coruña polos seus propios medios.
Os expertos cren que estes comportamentos teñen que ver cos hábitos de caza das súas presas, explica o biólogo, Bruno Díaz.
"O movemento destes animais neste momento do ano amplíase porque o atún vermello vai subir cara o norte procedente do mar mediterráneo polo estreito de Xibraltar e polo tanto van estar seguindo a súa presa, son como os leóns que van seguindo os ñus na Sabana, van seguir a súa presa ata a súa zona de distribución que neste caso, neste periodo do verán vai coincidir coa zona da costa do Golfo Ártabro, costa norte e tamén costa oeste galega".
De feito, Salvamento Marítimo acaba de ampliar a zona de aviso a navegantes ata A Coruña e o golfo Ártabro. Ata o de agora os ataques máis graves sucederan en Asturias e na zona de Ortegal, onde mesmo levaron unha embarcación a pique a semana pasada. E recomendan apagar o motor e manter a calma.
"Parar de navegar. Estar parado sería a mellor opción porque por moito que andes elas van andar máis sempre".
A clave é pasar desapercibido e dar aviso a Salvamento Marítimo.