Publicador de contidos

Publicador de contidos

Empeora a relación entre navegantes e candorcas

Empeora a relación entre navegantes e candorcas

O ataque con perdigóns a Toñi, a candorca máis vella de España, dispara as alertas

Advirten de que estes animais mariños cambiaron o comportamento a máis agresivo

G24.gal 20/08/2026 14:43

Tiráronlle a dar. Na imaxe, cóntanse polo menos dez disparos na aleta dorsal. 

"As feridas de perdigón tiveron que ser dende preto. Toñi é unha candorca moi confiada, por desgraza para ela. Atenta contra a vida da candorca e pode empeorar a situación para todos os navegantes", advirte Uxía Vázquez, investigadora do CEMMA, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.

E xa está empeorando. Cada vez son máis os ataques destes animais a barcos e veleiros pero tamén ao revés. A desconfianza mutua nos últimos anos foi a máis. 

"Os navegantes optan por agredilas, pero se nós actuamos de maneira agresiva podemos cambiar o seu comportamento, que sexan máis agresivas e que as interaccións poden aumentar en tempo, en cantidade e en intensidade, o que significa que é moito máis perigoso para nós", engade a investigadora.

Non sempre foi así. Cando se empezaron a deixar ver, a relación era outra. 

"Cando nos empezaron a chegar imaxes das interaccións, víase unha candorca tranquila, sabendo o que facía e mesmo impresionadas co que vían", confirma Uxía Vázquez.

Amables pero salvaxes. Por iso, lanzan un aviso a navegantes. 

"Apagar o motor e todos os dispositivos, excepto a radio, dar aviso do que está acontecendo e non agarrarse ao timón porque pode provocar queimaduras nas mans e lesións musculares porque elas están golpeando o barco dende abaixo", recomenda a experta do CEMMA. 

A candorca é unha especie ameazada da que quedan poucos exemplares. Toñi é a máis vella. Ten sesenta anos e agora, dez disparos de perdigón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade