Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado un camioneiro por un atropelo en Ourense

Condenado un camioneiro por un atropelo en Ourense

A vítima, de 79 anos, faleceu un mes despois do atropelo, ocorrido nunha rotonda en Seixalbo

Os veciños da zona aseguran que a situación segue igual de perigosa, tres anos despois

G24.gal 11/05/2026 14:16

O avogado da familia, Amadino Pereira, explícanos as circunstancias en que se produciu o atropelo e polas que o condutor foi condenado por un delito de homicidio imprudente.

"Unha, porque o sistema viario é moi precario; outra, porque non había espellos retrovisores nin levaba cámaras e, ademais, non foi asistido por unha terceira persoa", sinala Amadino.

Ocorreu en marzo de 2023. A vítima, de 79 anos, faceleu no hospital un mes despois do atropelo. Volvemos ao lugar do sinistro tres anos despois e a situación segue igual. A beirarrúa interrómpese no medio da rotonda para dar entrada e saída a turismos e camións.

"É perigoso polo tránsito que ten a rotonda e porque usan como saída o que debería ser a entrada". "O problema é que aquí non hai beirarrúa. Tes que ir polo medio e báixanche os camións". "No inverno non veñen moito, pero no verán cada quince minutos ou vinte entra un camión a cargar area. E a xente maior non ten outro sitio para pasar", comentan tres veciños da zona.

Hoxe non hai camións traballando, pero cando si están, coma nunhas imaxes que gravamos tras o accidente, aumenta o risco para os peóns. Trátase dun treito moi concorrido polos veciños da zona e os pasos de peóns, sinalan, non son operativos porque os obrigan a dar un rodeo.

"Hai un alá arriba onda o súper e outro no semáforo pero, se imos por esta beirarrúa e vivimos deste lado, non temos por que ir dar a volta alá por abaixo para ir para a casa", lamenta un veciño.

Din que cómpre mellorar a seguridade da vía, titularidade da Xunta. "Ou mellorar a sinalización ou poñer un semáforo ou habilitar a rotonda dalgunha maneira para entrada e saída de vehículos", di un veciño.

​​​"Seguimos cun risco potencial de que isto se reproduza mañá ou pasado. Non sei a quen lle caería a cara de vergoña se volve haber outra desgraza como a que xa houbo", conclúe Amadino Pereira.

A sentenza do atropelo condena o condutor e a súa aseguradora a pagar 320.000 euros en indemnizacións á muller e aos fillos do falecido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade