Unha cocha lucense ten unha camada de récord
Unha porca deu a luz vinte leitóns nunha leira lucense
Foi un parto longo, de sete horas, pero tivo un final feliz
Nunha leira da zona rural de Lugo celebran unha gozosa estampa. Unha porca deu a luz vinte leitóns, dezanove deles vivos, unha camada espectacular tras un parto de sete horas.
O dono do animal, Jose Manuel Romai, conta que "naceu un ás tres e media da tarde e eran as cinco e aínda non naceran máis. E metinlle a man para ver se tiña algún atrancado e non tiña nada. Foron nacendo e o derradeiro debían ser as dez e media ou once da noite. E apareceu con vinte. Un viña morto".
É o segundo parto desta cocha con moi boa xenética dunha raza belga de alto rendemento cárnico.
"Do primeiro parto trouxo quince, xa está bastante ben porque o normal son doce ou así, e agora apareceume con isto, que non agardaba. Tamén infúe moito o de ser indeminada ou de monta natura, e a xenética. Esta cocha aproxímase aos trescentos quilos. E raza Pietrain, unha moi boa raza de carne".
Agora, coidar dos dezanove ranchiños dá moito traballo extra.
"Vir bastante onda eles para cando lles dea de mamar. Como non teñen tetos para todos, hai que ir sacando algún dos máis grandes e poñendo os máis cativos, termar deles para que mamen. A ver se cria os dezanove".
Dous mastíns gardan da porca e dos dezanove leitóns, que son a atracción da veciñanza do lugar de Manzoi, na parroquia lucense de San Martiño de Carballido.