Os agochos máis curiosos da droga, ao descuberto
A creatividade dos narcos sen límite: a cocaína mesturada con gasóil, entre as máis complicadas
Para cantidades pequenas, recorren a orificios do corpo ou a inxesta de bólas envoltas en preservativos
Camuflada en plátanos, en aceite de coco ou en cargamentos de sal. A inventiva dos narcos non ten límite.
"Dentro de troncos, en caixas de froita. Das formas máis inverosímiles e máis difíciles para nós, é mesturado con outras substancias, dende mesturar a pasta de cocaína mesturada con cerámica, con combustible, con gasóil, ..., ou calquera outra forma de ocultación que dificulte o labor policial", explica o Capitán Octavio, Xefe da Policía Xudicial de Pontevedra
É como un escape room. Os equipos de loita contra os narcos teñen pistas... séguenas...
"A dificultade do noso traballo é dar con esa maneira de ocultación porque se a cocaína vén camuflada nuns troncos dentro dun envío de madeira dende un país de Sudamérica, a dificultade está en saber que está aí dentro", recoñece o xefe da Policía Xudicial.
Tiran de escáner en aeroportos ou de cans, uns fieis compañeiros, pero as posibilidades son tan grandes!!!
"Buscan maneiras de ocultación. Algunhas moi difíciles de detectar mesmo cos cans. O exemplo que poñía do gasóil, precisamente o obxectivo é dificultar o traballo do can porque o gasóil ten un olor moi forte e unha características que llo poñen moi difícil", engade o capitán.
Para trasladar cantidades máis pequenas usan coches.
"Un vehículo, un turismo ou un camión, ten moitos ocos e moitos espazos para ocultar cantidades xa importantes de droga. Ás veces temos que desmontar vehículos enteiros", sinala.
E corpos! Por fóra...
"Na roupa que é o máis sinxelo, o camuflada en perrucas ou escaiolas, simulando unha fractura", asegura o capitán.
E por dentro...
"O máis habitual é nos orificios corporais. É moi habitual nos centros penitenciarios que as visitas oculten a droga na vaxina, as mulleres, ou no ano", engade.
Estas son imaxes dunha nena de tan só doce anos á que pretendían usar de 'mula'. Escrúpulos cero. Tiña o estómago cheo de bólas de cocaína, co risco que supón.
"A persoa en orixe traga esas 90, cen, mesmo 150 bólas de cocaína envolta en preservativos para pasar os filtros policiais e cando chegan aquí, extraen esas bólas", explica o xefe da Policía Xudicial.
O motorista de Caldas levaba a coca pegada nos xenitais. Delátanse eles mesmos.
"Nós manexamos varios indicios, como antecedentes, a propia actitude, nerviosismo, ...", advirte.
Xa o dixera Einstein, "a imaxinación é máis importante que o coñecemento". A dos narcos, é infinita.