Publicador de contidos

Publicador de contidos

As pombas colonizan un patio de luces no centro da Coruña

As pombas colonizan un patio de luces no centro da Coruña

Os veciños din que as aves crían nun edificio abandonado da rúa Mercado

Denuncian problemas de salubridade, ruído e sucidade 

G24.gal 04/05/2026 14:43

Hai tempo que as pombas atoparon un acubillo ideal nun patio de veciños do centro da Coruña.

"Hai ducias, non se pode abrir a fiestra, nin tender, e mesmo vin na serie House que había unha infección por pombas. É una problema ambiental serio, máis aló da molestia".

Sinalan que a orixe do problema está neste edificio abandonado da rúa Mercado. A súa uralita serve de refuxio para as pombas, que viven, morren e crían sobre os seus tendais.

"Se reproducen aí, hai mal olor e sucidade polas feces, humidade e un cheiro moi forte cando morren os pombiños".

A forma irregular do patio dificulta a colocación dunha malla paxareira, tal e como se fixo noutras comunidades. O resultado, unha cidade dormitorio de aves, un pombal urbano onde os que non descansan son os humanos.

"Van de día ao mercado de Santo Agostiño, á praza da Leña, comen o que pillan ou o que a xente lles dá e logo veñen para aquí. É unha praga e vai a máis".

A desesperación medra entre os veciños. Xa denunciaron a situación ante o Concello, e obtiveron resposta, pero non solución.

"Solicitei que viñeran, apareceu unha persoa dunha empresa que se encarga destes temas para o Concello. Asomou e dixo que a cousa era grave pero que como está en propiedade privada non se pode acceder para facer o control".

Séntense impotentes ante o avance do que consideran unha praga e piden que alguén lles axude a controlar a proliferación destas molestas veciñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade