Ponteareas esixe que se execute xa o proxecto para reducir o perigo na Nacional 120
Por esa estrada camiñan e cruzan ducias de persoas e moitos vehículos xiran á esquerda
A plataforma veciñal que pide máis seguridade reclama unha reunión co delegado do Goberno
Transportes di que as obras só están pendentes dos últimos trámites administrativos
Tirar o lixo pode chegar a ser realmente perigoso na Nacional 120 en Ponteareas. Centos de veciños dos barrios que hai a carón da estrada cruzan o asfalto a diario, para tirar o lixo, chegar á panadaría ou ir á farmacia. Han de sortear os milleiros de coches e camións que circulan por esa vía, a antiga ruta entre Vigo e Madrid.
O risco tamén está presente para os condutores porque nese treito, case todo en recta, hai varias intersecións e son frecuentes os xiros á esquerda. Os golpes son habituais e xa houbo, incluso, varios falecidos,
"Hai veces que estás aí media hora ou máis agardando para cruzar", asegura unha veciña que leva unha carretilla coas bolsas do lixo ata os contedores que hai en fronte da súa casa.
"Quedaron de amañala hai non sei cantos anos pero aquí non aparece ninguén", comenta un condutor.
"Era bo que fixesen as rotondas que están previstas, e canto antes", completa outro home.
"É igual quen estea no Goberno. Aquí hai que tomar medidas urxentes porque morre xente e non pode morrer alguén por culpa de que non se fai nada", quéixase un veciño que camiña co seu can por unha estreira beiravía.
O Ministerio de Transportes ten en marcha un proxecto para reformar uns cinco quilómetros da N-120 entre o núcleo de Ponteareas e a parroquia de Xinzo. Está previsto construír varias glorietas que faciliten os cambios de dirección e tamén unha senda para que poidan circular con seguridade peóns e ciclistas. Pero, de momento, as obras non comezaron.
A plataforma veciñal que leva anos reclamando melloras de seguridade esixe unha reunión co delegado do Goberno e ameaza con retomar as protestas. Teñen o apoio de todos os grupos políticos do Concello de Ponteareas.
"Sabemos que pasou todos os trámites de exposición pública e que agora e unha decisión política de que o político de vez diga: pois a poñer isto en marcha", afirma o portavoz da Plataforma pola Defensa da Seguridade na N-120, José Luis Campos.
"Estamos vendo cando os vou recibir. Dende logo, eu recibo a todo o mundo e tamén imos recibir esta plataforma no momento no que poidamos poñela en axenda", contesta o delegado do Goberno, Pedro Blanco.
Transportes di que o proxecto se atrasou porque o Concello de Ponteareas pediu unhas modificacións e que por iso houbo que facer unha segunda exposición pública. Cando eses cambios se aproben definitivamente, din fontes do Goberno, se poderá executar a obra.