Polémica en Lugo por unha lona que algúns curiosos rompen a diario para ver unhas obras
Os traballos, que se realizan en Montero Ríos, están perimetrados cun valado cuberto cunha tea por motivos de seguridade
Singular tirapuxa a que manteñen en Lugo os curiosos e a empresa que executa as obras de humanización de Montero Ríos e o carril das Flores, a vía de entrada á cidade do Camiño Primitivo.
Por seguridade, a zona de traballo está rodeada dunha lona verde, pero a curiosidade pode máis que a prudencia, e a diario aparecen furados na tea. Malia que a empresa os repara, os curiosos volven abrir novos buratos.
Os lugueses falaban así este luns da polémica:
"A xente fai buratos para ver as obras. Cosen a lona e volven facer buratos".
"A curiosidade. Sempre vexo facer buratos. Eu non os fago".
"Iso faino a xente maior que se dedica a seguir as obras".
"Eu non fago buratos, desde logo".
"Calquera obra sempre invita a curiosear".
As obras de humanización de Montero Ríos e o carril das Flores pretenden eliminar un dos puntos de maior deterioración urbana da cidade. O resultado polo momento ten o beneplácito dos lugueses.
"Aquí en pleno centro estaba moi mal. A ver se lle dan un pouco de vidiña e queda moito mellor porque tamén é a entrada do Camiño de Santiago. Entón si que é bonito que os peregrinos vexan algo que faga xustiza a Lugo".
"Estas obras empezáronas rápido e parece que van a bo ritmo. Esperemos que todo quede ben e que sexa para mellor".
As obras teñen un prazo de execución de 10 meses.