Mandas de xabarís pasean por Rianxo
A presenza doa animais no centro urbano e no porto non é algo que sorprenda xa moito a veciñanza, que con frecuencia grava vídeos dos seus paseos nocturnos
Preocúpanlles os danos que provocan nas leiras e tamén que se atravesen diante dun coche e ocasionen algún accidente
Son animais nocturnos e nos seus paseos poden percorrer ata uns quince quilómetros. Unha manda de xabarís sorpendía aos condutores e peóns en Rianxo. Algo desorientados continúan polas rúas da vila.
A súa presenza no centro da vila e ao carón do porto é algo frecuente. Á veciñanza preocúpalle que poidan provocar algún incidente.
"Están por todos lados".
"É un problema", comentan dous veciños.
Tras os destrozos ocasionados nas colleitas, José optou por cerrar a súa horta pero sabe que andan por preto. Onte viunos nas leiras veciñas.
"Viñeron limpar a leira onte e saíron dez, en canto marchou o rapaz volveron, andan por aí", apunta o home.
A poboación de xabarís en Galicia é duns 82.000 exemplares, segundo os datos da Conselleria de Medio Ambiente. Agora que se comeza a plantar o millo, os agricultores temen que os animais acaben coas colleitas.