Traballan sen descanso para recuperar a normalidade nas zonas máis afectadas polas treboadas
En Viana do Bolo retiran cascallos e limpan o terreo para canalizar a auga en caso de nova chuvia
O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, trasladoulles aos alcaldes que unha vez feita a valoración dos danos analizaranse as axudas que poñer en marcha
En Viana do Bolo seguen co medo no corpo pola riada que lles levou dúas aldeas por diante. Os veciños están esgotados tras o acontecido, pero seguen traballando para limpar.
En Pradocabalos hai puntos que seguen anegados, pero a boa noticia é que os veciños volven ter auga e luz.
Os veciños de Pradocabalos apenas descansan dende o pasado mércores. Unha treboada rebordou o río Bouzas e levouno todo por diante.
A imaxe non é diferente na Bouza. No centro da aldea amoreábanse os cascallos e algunha vivenda ten bloqueda a entrada. Os operarios da Deputación traballan para liberar a estrada cara a Viana, que quedara bloqueada polas pedras.
Os veciños coidan que o peor xa pasou, pero din que precisan axuda para volver á normalidade.
Moitas das árbores queimadas nos incendios do ano pasado baixaron polo monte e bloquearon camiños ata chegar a algunhas pontes de Pradocabalos, onde traballaban esta mañá.
Os socialistas galegos instan a Xunta a activar o plan de emerxencia en Viana do Bolo. José Ramón Gómez Besteiro cualificou de dantesca a situación e vincula a magnitude dos danos co estado dos montes tras os incendios do verán pasado.
Zona catastrófica
O alcalde de Viana (Ourense) pide a declaración de zona catastrófica: "Isto é un tsumani, todo arrasado", asegurou en declaracións aos medios Germán García-Ávila, que sostivo que na súa localidade se dan "de libro" as circunstancias para que esta declaración sexa aprobada polas administracións competentes.
Así mesmo, indicou que a Deputación de Ourense e a Xunta están a traballar na zona e hai xente sen auga nin luz á que o Concello levou auga potable e que se traballa para restablecer a subministración.
Pola súa banda, consultada por Europa Press, a alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez Rodríguez explicou que no seu municipio hai danos moi cuantiosos, como calzadas e baixos alagados, e que haberá veciños "con moitos problemas", aínda que non se chegaron a destruír vivendas.
A rexedora explicou que este mesmo xoves desprazouse á zona o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, quen lles trasladou que unha vez feita a valoración dos danos analizaranse as axudas para poñer en marcha.
Entre os principais problemas na localidade está a falta de auga potable en moitos dos puntos despois de que, conforme explicou Sherezade Núñez, quedasen sen subministración ao quedar "catapultadas as captacións".