Que hai detrás da agresión de Culleredo? Analizámolo cun experto
Reivindicarse diante do grupo, unha das posibles motivacións de tanta violencia
"O silencio do grupo é aprobación para quen agride", advirten os expertos
Arrepían os golpes pero arrepía tanto ou máis a carraxe na voz, nas ameazas, na humillación: ben merecido que o tes, escóitase!
Tan novas, tan nenas. A que responde tanta violencia?
"Non sabería dicir se se está expresando como líder ou se está expresando unha rabia que ten interna. Por que non hai freo cando empezas a agredir unha persoa e ves na súa cara a expresión de dor, a empatía debería facer que freásemos. Cando non freamos é que algo falla aí na nosa empatía", explica Maricarme González, vicesecretaria do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.
Lonxe de frear, a agresora vense arriba conforme a outra rapaza acata ordes: pídelles perdón a eles, dille, e pídeme perdón a min por poñerte chula. E pídello, pero de pouco lle vale. Os golpes son máis fortes, patada na cara incluída.
"En moitas ocasións, a non resposta do grupo, o silencio do grupo, fai que a persoa que está agredindo de por validada a súa conducta. Se o grupo queda calado, é que o estou facendo ben e teño que facer máis", engade a psicóloga.
Os expertos advirten das secuelas para a vítima.
"Dificultades para enfrontar novas situacións sociais, illamento, baixa autoimaxe", explica González.
Para a agresora:
"Se aprendo que a miña maneira de presentarme ao mundo é poñéndome por riba dos demais, humillando ou maltratando aos demais, é que a miña maneira de relacionarme vai ser dañina e iso vaime vir en contra", advirte a psicóloga.
E para os cómplices pasivos, para quen mira sen facer.
"Empeza a sementar unha autoimaxe de si mesmos sobre como reacciono ante as cousas que me son difíciles, apártome, calo, consinto...", analiza a vicesecretaria do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.
Todos eles son menores, foron identificados no sitio e o caso xa está na Fiscalía de Menores.