Galicia blíndase por terra, mar e aire para garantir a seguridade o día da eclipse
Activa o Plan Territorial de Emerxencia no nivel 2 e constitue o CECOPI
Mobiliza todos os recursos de emerxencia para facerlle fronte a calquera incidencia
143 concellos galegos experimentarán a escuridade total
Galicia blíndase por terra, mar e aire para evitar sustos o día da eclipse. Esta mañá activou o Plan Territorial de Emerxencias no nivel 2 e constituíu o CECOPI. O conselleiro Diego Calvo e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lideraron esta reunión clave para coordinar de forma preventiva o histórico dispositivo de seguridade. Haberá unha nova xuntanza de forma presencial o mesmo día 12 de agosto para vixiar o tráfico terrestre e marítimo en tempo real.
Segundo anunciou o conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, o 112, o 061 e o persoal das urxencias sanitarias estará en alerta.
Policías, axentes de tráfico, gardacostas e incluso o persoal das cabinas de peaxe traballarán a pleno rendimento para evitar sustos e retencións nas estradas.
O transporte público tamén move ficha. Refórzase liñas de autobús, especialemente na provincia de Lugo con dirección á Mariña. Pero moita atención. Será baixo reserva previa. As autoridades piden cumprir as normas e lembran que hai 29 zonas vermellas, totalmente prohibidas.
No mapa están marcados dezasete puntos prohibidos na provincia de Lugo, destacando os miradores da Ribeira Sacra; oito na Coruña, onde queda blindada a contorna da Torre de Hércules. Tres en Pontevedra e un en Ourense.
A mensaxe das administracións e unánime. Moita prudencia e, sobre todo, aplicar o sentidiño galego, para que a xornada sexa unha festa e non unha emerxencia.