Freo á avalancha de autocaravanas no Grove
Prohibirase aparcar polas noites en espazos sensibles e reducirase o tamaño das prazas de aparcamento
O exceso de "vivendas móbiles" provoca problemas de espazo e tamén medioambiental
Medida controvertida e difícil de aplicar porque roza unha liña fina.
"Pódese interpretar con dous conceptos. Un, o que fai a Dirección Xeral de Tráfico, que é un vehículo. Para nós, é un apartamento móbil, unha vivenda móbil", salienta Jose Cacabelos, alcalde do Grove.
Vivendas móbiles que no verán poden chegar ás 300.
"Podemos imaxinar 300 apartamentos sen control? Din que están aparcados pero cando estás tres días, algo fas de vivenda. Onde botas as augas residuais? De onde colles a auga potable? Moitas veces ata rompen os aseos públicos para coller a auga potable. Onde depositas os teus residuos, o lixo?, reivindica o rexedor.
Aparcados ou acampados en zonas privilexiadas e especialmente sensibles. O propio porto, onde veciños e os propios mariñeiros quedan sen espazo para a vida cotiá, na Lanzada, na Toxa, na praia de Area das Pipas ou Reboredo.
"Nos 25 areais hai autocaravanas todos os días, todos os días! Hai un problema físico de espazo pero despois é un problema medioambiental de xestión. Son zonas sensibles, zonas protexidas medioambientalmente. De feito, na zona das Pipas e de Reboredo estamos buscando zonas de aparcadoiros disuasorios para prohibir a calquera tipo de vehículo aparcar a pé de praia", sinala Cacabelos.
As medidas pasan por porlle trabas.
"Imos prohibir aparcar de once da noite a nove da mañá e imos complementar en zona urbán, en moitos sitios deles, pintado de rúas onde as medidas máximas van ser de 2'5x5 metros onde unha autocaravana non colle", adianta o alcalde do Grove.
Entre os autocaravanistas, división de opinións.
"Polo día que nolas fagan sacar paréceme correcto pero pola noite para pernoctar, a quen molestamos?".
"Non temos que estar todos aquí a pé de praia. Podemos estar máis arriba e baixar á praia coma todo o mundo".
Enténdeno porque tamén o sofren, sobre todo, entre os novatos na materia.
"Nótase cando veñen os de alugueiro".
"Abren o do fregadeiro e ás veces, en vez de porse de fronte, ocupan un espazo maior".
"Hai xente que coida e xente que vai ao libre albedrío e tampouco é asi".
A alternativa está nas áreas preparadas para estas vivendas móbiles, que no Grove, de momento, son privadas. Compensa fronte ás multas por aparcar ou acampar mal, que irán dos 300 ata os 3.000 euros.