Sen balizas nas praias de Cangas
Unha vintena de areais non dispoñen de balizas de sinalización para embarcacións
Os bañistas quéixanse do risco que supón
Unha vintena das principais praias de Cangas non teñen balizas que sinalan o límite das embarcacións para achegarse á costa. Os usuarios están preocupados polo risco que isto supón. Din que o risco multiplícase, sobre todo coas motos de auga.
O Concello tivo problemas para adxudicar o servizo de balizamento, e non precisan unha data concreta para facelo. Sen boias, segundo a lei, precísase unha distancia mínima de 200 metros dende a beira ata a posición do barco. Algo que segundo os bañistas non se está a cumprir. Din que xa houbo problemas en moitos areais. Todos inciden no risco que isto supón agora que se fan campamentos infantís e numerosas actividades deportivas.
Na ría de Aldán multiplícanse estes meses as motos de auga e as embarcacions que fondean preto dos areais, que, sen as balizas, xa están causando problemas. A falla delas é un risco engadido para os servizos de socorrismo, que teñen que extremar a vixilancia nestas praias do Morrazo.