Unha familia de Ferrol denuncia acoso veciñal doutra desde hai cinco anos
Di ser vítima de continuos episodios de acoso e insultos
Ignacio asegura estar vivindo un auténtico calvario desde a chegada dunha familia ao seu barrio de Recimil, en Ferrol, hai un lustro. Di que durante todo este tempo, día tras día, el e mais a súa muller están a ser vítimas de continuos episodios de acoso e insultos.
"Á miña muller queimáronlle a roupa do tendedeiro e faltáronlle ao respecto. Pero isto é de sempre. E estanos afectando moito. Non deixan vivir, non saber convivir con ninguén e fan o que lles dá a gana", di Ignacio Carnero Pazo, o veciño prexudicado.
Asegura tamén que os molestan tirando petardos. A última vez durante o partido de fútbol no que España xogou contra Francia.
"Os veciños protestáronlle e dixéronlle que lles deixara ver o partido, que non tirara petardos naquel momento. Pero el díxolles que tiña que marchar a pescar. E como seguían protestando, el tirou máis", engade Carnero.
Conta que xa puxo os feitos en coñecemento das autoridades en varias ocasións; polo momento, sen éxito. Reclama unha solución que lles permita recuperar a normalidade e, sobre todo, a saúde.