Piden o amaño do túnel peonil que comunica o barrio da Ponte e o do Vinteún, en Ourense
Din os veciños que leva anegado arredor de dous meses, pero que a súa deterioración resulta máis ca evidente dende hai tempo
Estamos na rúa Río Arnoia, na traseira da estación intermodal, e este túnel de arredor de cincuenta metros serve de atallo para comunicar os barrios da Ponte e o 21, e evitarlles aos peóns dar un rodeo de aproximadamente un quilómetro. O problema é que está case intransitable.
"Horrible, bastante mal, tiñan que tomar medidas bastante serias, se non... Eu antes pasaba todas as noites por aí porque nós vivimos aquí, para ir o ambulatorio quedábame ben, pero eu por aí non paso".
"Non me gusta moito a zona, pasar por ese túnel non me gustaría, non".
O túnel comunica a rúa Río Arnoia coa praza da Estación. Din os veciños que leva anegado arredor de dous meses, pero que a súa deterioración resulta máis ca evidente dende hai tempo.
"Sempre estivo inutilizado, de feito se te asomas aí ves que está sempre moi escuro, cheo de lixo, para min non é un camiño. De feito eu agora vou para alá e vou dar un rodeo, nunca, nunca penso en ir polo túnel, a verdade".
"A verdade, non moito. Sempre que paseo collo por esta beirarrúa, pero o túnel nunca o utilizo".
O lixo e o cheiro fan que a xente evite utilizalo. Preocúpalles tamén a presenza de toxicómanos e denuncian que mesmo se ten producido algún atraco.
"Hai dous anos que pasei por aí e non paso máis. non paso máis porque me querían limpar a carteira, entón por aquí non. Se vou acompañado, si, pero eu só non paso, non me meto, non paga a pena".
"Fatal, porque non podemos pasar por aí nin nada, eu xa non me atrevo a pasar. Onde vivo eu podía pasar por aí porque me queda máis preto para ir o médico, pero é imposible entrar aí. Eu polo menos teño medo".
Aseguran que están fartos de reclamar, pero polo de agora, din, ninguén atendeu as súas demandas.