Samuel, o ciclista e bombeiro atropelado en Mondariz, visita os compañeiros que o rescataron
"Ten por diante unha rehabilitación máis ben neurolóxica. Fisicamente sabemos que vai sair adiante ben", contoulle á Galega o seu pai
Nada máis recibir a alta foi visitar os seus compañeiros, algúns dos cales axudaron a rescatalo das lapas que se orixinaron no coche que o atropelou
Estivo a piques de quedar envolto no incendio do coche que o botou da estrada mentres adestraba
Samuel, o ciclista de Vigo atropelado hai dúas semanas por un vehículo que acabou calcinado no sinistro, xa está na casa descansando. O seu pai contolle á Galega que pouco a pouco vai recuperándose do accidente.
"Necesita tempo, necesita tranquilidade, fora de nerviosismos... Deixalo tranquilo, ao seu ritmo, e que vaia recuperando", conta o seu pai
Amais de campión de ciclocrós, é bombeiro de profesión. Traballa na base de Ponteareas, e este luns, en canto recibiu a alta, o primeiro que fixo foi ir visitar os seus compañeiros. Algúns mesmo interviñeran no seu rescate.
Nese rescate de hai dúas semanas foi clave a intervención dun equipo de bombeiros forestais para liberalo in extremis do incendio que provocou a explosión do coche que o atropelou.
O pasado 19 de abril Samuel González facía un dos seus adestramentos habituais na bicicleta pola estrada N-120 entre Covelo e Mondariz, cando un coche bateu contra el. O deportista acabou atrapado no medio do mato cunha chea de contusións e ameazado polo lume que provocou o vehículo que se incendiou.
"Estaba pegado ao coche. Estaba todo ardendo, os estouridos das rodas e todo a verdade é que impresionaba", conta José María Oitavén, xefe de brigada da base de Queimadelos.
"Ao principio dicían que estaba debaixo do coche, e despois foi cando nos demos conta que estaba pegado. Claro... As lapas estaban chegando a el", engade.
A intervención dos efectivos da base forestal de Queimadelos foi clave para cortar o avance das lapas ata que Samuel puido ser rescatado. O campión galego de ciclocrós pasou dúas semanas ingresado no hospital.
"Ten por diante unha rehabilitación máis ben neurolóxica. Fisicamente sabemos que vai sair adiante ben, porque non rompeu ningún óso do corpo, e é moi forte, sabémolo todos",conta o seu pai, Óscar González Bastos.
O vehículo que atropelou a Samuel quedou totalmente calcinado
O coche que o atropelou quedou totalmente calcinado. O seu condutor deu positivo na primeira proba de alcolemia e negouse a facer a de verificación. Agora está sendo investigado por condución temeraria baixo os efectos de alcol e drogas, negativa a sometese ás probas e lesións por imprudencia.