Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bombeiros forestais vascos fórmanse en Galicia na loita contra o lume

Bombeiros forestais vascos fórmanse en Galicia na loita contra o lume

A iniciativa inclúese nun programa de intercambio entre a Deputación Foral de Biscaia e a Xunta

Os participantes teñen a posibilidade de colaborar en tarefas de extinción dalgún lume sempre baixo a coordinación do operativo galego

Imaxe facilitada pola Xunta de Galicia Imaxe facilitada pola Xunta de Galicia
G24.gal 16/08/2026 13:15

Arredor dunha trintena de profesionais do Infobi (Incendios Forestais de Biscaia) estarán ao longo deste mes de agosto e o vindeiro de setembro en Galicia, como parte da segunda edición do programa de intercambio entre a Deputación Foral da provincia vasca e a Xunta.

O obxectivo da iniciativa é reforzar a cooperación entre ambas as dúas institucións en materia de loita contra ou lume. Así, os efectivos procedentes de Euskadi –distribuídos en tres equipos de entre 10 e 12 persoas, con tres vehículos todo terreo–, terán a oportunidade de coñecer a organización e funcionamento do Servizo galego de Prevención e defensa contra Incendios Forestais (SPIF).

O programa da estadía inclúe visitas a diferentes bases e centros de operacións, entre eles o Centro de Coordinación Central de Santiago de Compostela, no que os profesionais vascos estiveron acompañados polo director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco.

Ademais, o grupo tamén coñeceu o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL), situado na localidade ourensá de Toén, no que recibiu explicacións polo miúdo sobre o operativo da Xunta e tamén en relación co funcionamento dunha motobomba, en especial do seu sistema de auto protección. Así mesmo, os profesionais tiveron tamén a oportunidade de realizar o circuíto de adestramento para o persoal que se atopa nestas instalacións.

A maiores, tal e como xa se contemplou na pasada edición deste programa de cooperación, os técnicos e axentes de Biscaia poderán integrarse nos labores de extinción dalgún lume que se rexistre en Galicia, sempre baixo a coordinación operativa do dispositivo da Xunta.

A estadía en Galicia destes efectivos súmase á chegada de bombeiros forestais doutras latitudes, caso dous búlgaros que estiveron en xullo pasado na nosa comunidade, o de profesionais de Estonia e Países Baixos que tamén se achegaron en anteriores campañas, para coñecer ou traballo que se realiza por parte do SPIF galego.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade