Requisan 13 toneladas de "gas da risa" en Tenerife, a segunda maior aprehensión en Europa
Na operación detivéronse seis persoas e outras seis foron investigadas
Imaxe da Garda Civil
A Garda Civil desartellou no sur de Tenerife unha organización criminal dedicada á importación, almacenamento e distribución ilegal de óxido nitroso ou gas da risa, substancia empregada como droga recreativa.
Na operación foron aprehendidas 13 toneladas desta substancia e detidas seis persoas. Outras seis foron investigadas. Trátase da segunda maior aprehensión en Europa de óxido nitroso, destacan fontes do instituto armado.
A denominada operación Centro iniciouse cando a Garda Civil tivo coñecemento do consumo de gas da risa en diferentes zonas de lecer do sur de Tenerife.
A investigación permitiu descubrir a existencia dunha estrutura criminal xerarquizada, integrada por un núcleo directivo de carácter familiar, cunha rama dedicada á loxística e recepción da mercadoría procedente do estranxeiro, e outra á distribución final na illa.
Como resultado das actuacións, e no marco de catro rexistros, foron detidas seis persoas e investigadas outras seis máis, como presuntas autoras de delitos de pertenza a organización criminal, tráfico de drogas, tráfico de substancias nocivas para a saúde e branqueo de capitais.
Imaxe da Garda Civil
Durante os rexistros, tamén acharon 63.500 euros e 1.000 libras esterlinas en efectivo; aproximadamente 213 gramos de cocaína; 599 gramos de haxix; 1,4 quilos de marihuana e 46 gramos da substancia coñecida como Tusi (mestura de diferentes substancias psicoactivas), ademais doutras substancias tamén de natureza estupefaciente: pastillas, fungos, cápsulas e preparados comestibles con cannabinoides.
Imaxe da Garda Civil
Así mesmo, incautáronse de cinco armas de fogo simuladas e de oito armas brancas, entre elas varias machadas, dispositivos electrónicos e abundante documentación relacionada cos feitos investigados.
A investigación continúa aberta e non se descartan novas detencións.
Imaxe da Garda Civil