Jupol pide despolitizar a designación dos altos mandos policiais
O responsable do sindicato en Galicia denuncia un "tramado de compadreo" na dirección da Policía e da Garda Civil
Miguel Diz asegura que non é necesario revisar o protocolo antiacoso do Corpo e só hai que aplicar o que existe
Reclama a dimisión de Fernando Grande-Marlaska porque o ex-DAO acusado de violación era da súa confianza
O secretario xeral do sindicato JUPOL (Justicia Policial) en Galicia afirma que a denuncia por presunta violación contra o xa ex-DAO (Director Adxunto Operativo) da Policía Nacional, José Ángel González, é vergoñenta e "deteriora a imaxe" do corpo.
Miguel Diz asegurou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, que a pesar de que non tiñan ningunha información previa, non lles sorprendeu este caso. Segundo explicou, os altos mandos da Policía son persoas "postas a dedo que cren que son intocables".
O responsable de JUPOL en Galicia denunciou "un tramado de compadreo" entre os mandos policiais que son designados polo Goberno que hai en cada momento.
"Hai un tramado de xente colocada a dedo, de amigos que se deben cousas. Chega un momento que teñen montada unha mafia sen decatarse e non se denuncian entre eles. Tamén sabemos que este señor foi posto aí por algún favor, por un escándalo nunha casa de citas de Valladolid. Que nos vai estrañar de todo isto? Nada, funciona así".
Segundo Miguel Diz, calquera axente da Policía que fose denunciado por uns feitos similares "sería suspendido de emprego e soldo automaticamente, estaría no calabozo e pasaría a disposición xudicial".
O responsable de JUPOL en Galicia cre que este tipo de situacións non se corrixirán ata que mude a "estrutura política" da Policía Nacional "porque esta xente séntese protexida polo Goberno, pola clase política".
"Mentres os mandos policiais sexan designados polos políticos isto vai seguir acontecendo. Con uns máis e con outros menos pero vai seguir pasando. Só hai unha maneira de que isto acabe: que os políticos non poidan designar os mandos policiais senón que estes postos estean regulados igual que nos procesos de base: por mérito, capacidade e antigüidade. Aí imos falar dunha Policía Nacional e dunha Garda Civil que funciona, dunha Policía que non nos vai avergoñar".
Protocolo antiacoso
Con respecto á revisión extraordinaria do protocolo antiacoso da Policía anunciada polo ministro do Interior, Miguel Diz sinala que non é necesario e que abonda con aplicar o existente.
"Non fai falta facer unha revisión do protocolo. O que fai falta é que vostede (en referencia ao ministro do Interior) o aplique e que o faga do mesmo xeito para un mando policial que para un policía que patrulla. Non hai que facer leis novas, hai que aplicar as que hai pero este Goberno diso parece que non entende moito, sobre todo, no noso gremio".
Dimisións
O secretario rexional de JUPOL en Galicia insistiu, na Radio Galega, en que o Director Xeral da Policía Nacional, Francisco Pardo, e o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, deben dimitir tras a denuncia por suposta violación contra o que fora, ata hai uns días, Director Adxunto Operativo.
"No caso do DAO, os indicios son tan reveladores, hai gravacións e testemuñas polo que temos que pedir ipso facto o cesamento non só do DAO senón do Director Xeral e do señor Marlaska que vai a escándalo por semana. Non debemos gardar prudencia porque os indicios son moi reveladores".
Miguel Diz admite que non sabe se Marlaska tiña constancia da denuncia por suposta violación pero, incide en que, en calquera caso, era un cargo da súa confianza.
"Eu non teño unha bola máxica, o que si sei é que era un cargo de confianza do ministro. Como responsable xa tiña que ter dimitido. Ademais, debía ter tanta confianza nel que en plena crise da Dina, fíxoselle un decreto-lei á carta para que puidera xubilarse máis aló dos 65 anos. Fai pouco condecorárono cunha medalla pensionada. Esta é a xente que está premiando o ministro do Interior".