Investigan a aparición do cadáver dun home encadeado ao porto de Ribeira
Trátase dun mariñeiro veciño da localidade que levaba tempo residindo no Porto do Son
O home estaba encadeado polos pulsos nunha escada de acceso aos barcos
O cadáver dun home apareceu encadeado ao porto de Ribeira a primeira hora deste martes.
O corpo estaba encadeado polos pulsos ás escaleiras metálicas do peirao nun tramo só visible coa marea baixa, situación que permitiu a descuberta do cadáver. Unha persoa que estaba nun dos barcos amarrados ao pé da escaleira avistou o corpo aboiando e deu aviso ao 112.
Salvamento Marítimo coordinou o dispositivo para a recuperación do corpo e os Bombeiros de Ribeira tiveron que empregar unha cizalla para romper a cadea.
Segundo fontes da Policía Nacional, que identificou o cadáver, trátase dun veciño de Ribeira de entre 30 e 40 anos que residía no Porto do Son, mariñeiro de profesión e sen antecedentes penais.
Ata o momento non se esclareceron as causas deste suceso, no que, segundo o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, non cabe descartar ningunha hipótese, desde un suicidio a unha posible morte violenta, incluído un axuste de contas.
Blanco sinalou que a rexistrada "non é unha morte natural" e que os indicios apuntan cara a un suceso violento; pero que, en todo caso, haberá que agardar ás investigacións e á autopsia para determinar "a identificación desta persoa" e as causas e circunstancias do acontecido.
O delegado do Goberno si confirmou que o cadáver foi achado encadeado a unha das escaleiras do peirao, aínda que non se puido precisar aínda canto tempo levaba aí e en que momento se produciría a morte.
"Imos deixar traballar a policía e, polo tanto, nas próximas horas poderemos darlles máis información ao respecto", agregou.
A pesar das declaracións do delegado, outras fontes presentes no lugar do incidente indican que, nun principio, o corpo achado non presenta signos de violencia e foi atopado coa súa roupa e coa súa documentación; polo que priorizan a hipótese dun suicidio.
A falta de verificación oficial, o patrón maior da confraría de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, comentou a EFE que o falecido é dun veciño da zona, de iniciais A. O. e de 43 anos de idade.
Segundo relatou, o achado do cadáver produciuse arredor das sete da mañá nos peiraos da localidade, nunha zona moi próxima onde se atopa amarrado o barco Os tres de sempre, propiedade dun armador xa xubilado e que busca vender a embarcación.
Na mesma reside de xeito habitual na actualidade un mariñeiro da zona sen fogar, que foi, tal e como apuntan varias fontes, quen deu a voz de alarma do sucedido ás autoridades ao achar o corpo flotando na auga despois de ser avisado por unha persoa que paseaba polos peiraos.