Galicia, segunda comunidade máis segura de España, con 35 infraccións por cada mil habitantes
Malia que soben os delitos de roubo en domicilios e tráfico de drogas, a taxa de criminalidade sitúase por debaixo da media estatal
O delegado do Goberno relaciona estes datos co traballo diario dos Corpos e Forzas de Seguridade
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou este xoves que Galicia "consolida a súa posición como a segunda comunidade máis segura de España", segundo os últimos indicadores de seguridade correspondentes ao segundo trimestre de 2026 publicados polo Ministerio do Interior.
En concreto, Galicia pechou xuño cunha taxa de criminalidade de 35,3 infraccións penais por cada 1.000 habitantes, fronte ás 50,5 da media nacional.
Pedro Blanco puxo en valor uns datos que, sinalou, "confirman que Galicia é unha terra segura para vivir, traballar e desenvolver calquera actividade económica", e vinculou estes resultados co traballo diario dos Corpos e Forzas de Seguridade e co reforzo dos seus medios humanos.
Baixada da cibercriminalidade
En concreto, segundo os datos do Ministerio, no acumulado entre xaneiro e xuño rexistráronse 47.260 infraccións penais, un 0,2% menos que no mesmo período de 2025. A cibercriminalidad mantén a tendencia descendente iniciada no primeiro trimestre e baixa un 1,9%, ata os 12.895 ciberdelitos. Dentro dela, as estafas informáticas descenden un 1,2% e o resto de ciberdelitos, un 6,2%.
No ámbito da criminalidade convencional, os datos permanecen estables e sen apenas variación con respecto ao trimestre anterior. Con todo, os furtos baixan un 6,3%; os roubos con violencia ou intimidación, un 8%; e os delitos contra a liberdade sexual, un 3%. Os homicidios e asasinatos en grao de tentativa redúcense un 37,1%.
Por provincias, A Coruña é a que ten a taxa de criminalidade máis alta
As cifras reflicten, no polo oposto, un leve repunte das agresións sexuais con penetración -que pasaron do 91 de xaneiro a xuño de 2025 a 92 no período deste ano-, os roubos con forza en domicilios (que soben un 12,3%, ata alcanzar os 1.297), a subtracción de vehículos (7,3%, ata 264) ou o tráfico de drogas (4,3%, de 234 a 244 delitos).
Por provincias, A Coruña presenta unha taxa de criminalidade de 38,2 infraccións por cada 1.000 habitantes; Lugo, 29,4; Ourense, 31,3; e Pontevedra, 35,2.
8.929 axentes da Policia Nacional e da Garda Civil
O delegado destacou tamén o reforzo dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado en Galicia, que alcanzan en xuño os 8.929 axentes dispoñibles de Policía Nacional e Guardia Civil, a cifra máis elevada da serie recollida no informe. Son 581 efectivos máis que en 2019, un incremento do 7%.
En concreto, Policía Nacional conta con 3.546 efectivos, un 10,6% máis que en 2019, e Guardia Civil con 5.383, un 4,7% máis.