Comeza na Estrada con boas previsións a colleita de mazá para sidra
Prevén apañar ata dous millóns de quilos malia a seca do verán
As maceiras producen máis en anos impares coma este, porque son árbores veceiras
Ata dous millóns de quilos de mazá para sidra prevén recoller este ano na Estrada. Un ano impar, 2025, que toca abundante, malia as dificultades dun ano seco.
"Tiñamos temor de que perderan moito froito pola seca pero finalmente aguantaron ben, non caeu tanto e bastante ben", di Víctor Peroja, da Sidraría Peroja.
"De calidade tamén bastante ben, malia seca do verán coas chuvias de setembro recuperou e agora ben", engade Marisa Diéguez, produtora de sidra na Estrada.
Tamén este arranque solleiro de campaña está axudando os recolledores, que este mes se axeonllan para recoller unhas mazás que irán para facer sidra en Galicia e Asturias.
"Outros anos chove na recollida e podrece, pero este ano temos sol para recoller e hai moita e de calidade", di unha das recolledoras.
Canto aos prezos, a media estará entre os 20-25 céntimos o quilo de mazá convencional e uns 30 a ecolóxica.
"No meu caso eu quedo co 10 % para facer sidra artesanal ecolóxica e vendo o resto a Custom Drinks, en Chantada, que tamén fai sidra ecolóxica, a Maeloc", explica Víctor.
Con 100 hectáreas de cultivo e preto de 100 produtores, a maza é hoxe un motor económico na Estrada. Só falta, din, que o consumidor se acorde máis dela.
"Nós tratamos de facer o traballo o mellor posible, pero habería que consumir máis produtos de mazá e máis sidra galega. Todos pensan na sidra de Asturias pero aquí tamén se fai e desde hai moito tempo", comenta o dono da sidraría Peroja.
Unha tradición que potenciaron e profesionalizaron nos últimos anos, recuperando pomares artesanais e mesmo montando unha ruta turística para gozar da floración da maceira neste particular Jerte galego.