Melloran as previsións na campaña de recollida de mazá de sidra, que está no seu ecuador
As chuvias foron claves para compensar un mal inicio da colleita, polos danos que a seca causou nos froitos
A produción na planta de Custom Drinks de Chantada podería superar os dous millóns de quilos
O verán seco e caloroso afectou a produción de mazás de sidra. As recollidas ao inicio da campaña eran de menor tamaño ca as que entran agora na fábrica de Custom Drinks de Chantada. O responsable da planta, José Luis Romero, explica que durante o verán, "con tantísima calor, partiron moitísimas ramas. Non choveu o que tiña que chover e a primeira mazá que chegou era moi pequena".
Campaña atípica e irregular, que empezou mal pola seca
Agora, no ecuador da campaña, están a chegar máis froitos dos previstos. Malia o mal comezo pola seca e grazas ás chuvias das últimas semanas, as previsións a día de hoxe apuntan que poderían alcanzar os dous millóns de quilos "dous millóns douscentos como máximo".
Proceden de produtores e cooperativas de toda Galicia, especialmente da Estrada ou de Tomiño.
Coa descarga das mazas comeza o proceso de elaboración da sidra. Voltéannas e pásalles un auga, pero "non é unha limpeza como pensa moita xente" explica Romero, "simplemente fai que flote e vaia para o fondo que leva as mazás a unha especie de ascensor".
Son mazás de sidra do país e de produción ecolóxica na súa maioría
De maneira manual desbótanse as mazás podres, retíranse as impurezas e sepáranse as ecolóxicas, que son a maioría, o 95 por cento da anterior campaña.
Despois segue a fase de prensado, a principal para obter o mosto. Faise a través dun proceso de rotación "para que cambie de posición e así poder extraer a maior cantidade de zume da mazá".
Despois aínda quedan cinco meses de fermentación e maduración antes de conseguir sidra natural, doce, seca, espumosa, de sabores ou sen alcohol, que chegarán os mercados a partir de marzo.