Un estradense é o maior produtor de mazá de sidra de Galicia
Colleita ao ano máis de 300.000 quilos deste froito
Agora ensaia tamén a produción nunha leira a 600 metros de altura
José Antonio cítanos nuns terreos que ten en Cuntis. Aquí plantara eucaliptos e piñeiros pero entragáronllos os fungos. Tamén meteu eguas que lle deron poldros pero o lobo matoullos. Agora experimenta con maceiras.
"Eu teño demanda de mazá e estou loitando un pouco por esta investigación, porque estou a 600 metros de altura. Algún di que estou tolo. De min saíron sempre tolerías pero aquí estou", dinos.
Este home, que empezou a súa vida profesional como madeireiro e que tamén tivo vacas que vendeu cando baixou de golpe o prezo do leite, é actualmente o maior produtor de mazás de sidra de Galicia, nos predios que ten na Estrada, onde naceu.
"Teño unha produción media anual de 300.000 quilos e tamén compro. Comercializo sobre 700.000 quilos ao ano", explica.
José Antonio confía en recoller uns 50.000 quilos máis nestes terreos en cinco ou seis anos, a pesar dos rigores que impón a altura á que están.
"Creo que co frío de aquí arriba non proliferan tanto os insectos como alá no val e teño certa fe de que vai ser unha plantación moi sa", vaticina.
É optimista pero lamenta verse só ante o experimento. Di que en Galicia non se ensaia nin hai técnicos aos que preguntar.
"Para min as escolas están en Villaviciosa. Xa son bastante coñecido alí en Asturias e consulto cos técnicos de alí", engade.
En todo caso, confésanos que o monte é a súa vida e a mellor cura para os achaques que padece.
"Uns van xogar a partida, outros a ler o periódico, outros de excursión. A miña felicidade está no medio das árbores", afirma.
Quere deixar todas as súas propiedades plantadas e espera que os herdeiros recollan o testemuño con cariño.
"Que vexan a rendibilidade que pode ter no futuro porque eu para min non estou plantando, que teño 76 anos. Deus me dea outros cinco máis e xa non pido máis pero por natureza teño que irme", sentencia.
Nós deixámolo pechando o predio. Mañá volve.