Nuska Chousa dá consellos en galego de como traballar a horta para 250.000 seguidores
Os seus seguidores, de distintos países de Europa e América, non poñen reparo a que se exprese en "ghalegho"
Trata de conservar a memoria labrega, gastronómica e cultural da terra
Unha influente de Ribeira triunfa nas redes dando consellos en galego sobre como coidar a horta e facer receitas tradicionais. Roza os 250.000 seguidores, que ven os seus vídeos desde distintos países de Europa e América.
Desde a súa horta en Ribeira, Nuska Chousa chega cos seus consellos a decenas de miles de seguidores. Seu fillo alentouna hai catro anos a facer unha canle en You Tube.
"A miña experiencia na horta é de berce, porque cando era pequena viviamos do que producía a nosa horta. E había que traballar na horta ao chegar da escola. A miña experiencia vén de aí, despois son moi curiosa, que me gusta saber o porqué das cousas", di Nuska Chousa.
Empezou pouco a pouco pero animouse ao ver a resposta da xente.
"A pesar de falar con gheada e seseo, había moitísima xente do mundo enteiro que non tiña problema ningún en querer entender o que estaba dicindo porque lle parecía interesante. Empezou a medrar", explica Nuska mentres amosa como grava un consello sobre mazanceiras.
Co seu teléfono, grava, edita e sobe os contidos a case todas as redes sociais.
"A mazá golden madura desde o mes de agosto, despois temos a sangue de touro, que vai estar lista dentro dun mes e despois temos a granny smith, que é unha mazá de inverno. O meu consello é buscar tipos de mazás que maduren en diferentes etapas e así teremos durante máis tempo", relata.
Explica que plantar en cada estación, como construír uns bancais cómodos ou como aproveitar os produtos da casa ao xeito tradicional.
"Falar do unto do caldo, como se fai, como se salga e cura para poder facelo na casa. Eu vivín con iso e sei facelo. Paréceme marabilloso ter unha ventá para poder deixar esas receitas de toda a vida na miña canle", asegura.
A súa paixón pola horta é contaxiosa. E sempre deixa ganas de máis.