O EmigraSON reúne máis de 2.000 persoas na súa cuarta edición en Bruxelas
Foron dous días de actuacións nos que a música fortaleceu a identidade galega no exterior
Artistas como Sabela, Ortiga, Baiuca ou The Rapants pasaron polo escenario
A cuarta edición do EmigraSON reuniu en Bruxelas esta fin de semana máis de 2.000 persoas en dous días de música galega.
Os organizadores destacan nun comunicado que a iniciativa, nada hai catro anos como un proxecto autoxestionado para brindar á comunidade emigrada un espazo de encontro ao redor da música galega, é xa un evento de referencia dentro da axenda cultural da comunidade autónoma no exterior.
Como en anos anteriores, a música tradicional abriu a programación desta edición cun pasacalle polas rúas de Bruxelas ata o Parlamento Europeo coa Roda e A Irmandade Galega na Suíza.
Na sala A Tricoterie, actuaron 9Louro, Fer e Paloma Paloma, nunha proposta centrada nas novas sonoridades da escena galega actual que logrou esgotar entradas, e a xornada do venres pechouse coa actuación de Duendeneta Dilleis.
A sala A Madeleine acolleu o sábado a noite principal da cuarta edición do EmigraSON, que ampliou a súa capacidade ata as 1.500 persoas tras esgotar entradas o ano anterior.
Sabela, Ortiga, Baiuca e The Rapants pasaron polo escenario e, en conxunto, o festival reuniu máis de dúas mil persoas ao longo das dúas xornadas nunha edición que contou coa participación de público procedente de ata 15 países, ademais de asistentes chegados desde Galicia.
O conselleiro de Emigración José González destacou en Bruxelas o labor e implicación da organización deste festival na difusión da música galega actual e a lingua galega no corazón de Europa.
González expuxo que o EmigraSon concorda con outras iniciativas impulsadas desde o Goberno galego como a xira de concertos que Luar na Lubre realizará no mes de marzo na Arxentina, O Uruguai e Chile con motivo do seu 40 aniversario.
Do EmigraSon subliñou ademais a súa conexión coas novas xeracións en Bélxica, onde residen uns 3.200 galegos.