Publicador de contidos

Publicador de contidos

10.000 queixos e 1.000 pezas de pan: Friol prepárase para a súa gran feira

10.000 queixos e 1.000 pezas de pan: Friol prepárase para a súa gran feira

O vindeiro día 22 celebrarase a Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá

A cita gastronómica está declarada Festa de Interese Turístico Galego

Queixos nun posto da feira
Félix Aragunde 05/03/2026 21:24

Fariña de trigo e de centeo, lévedo, auga e sal son os únicos ingredientes cos que se elabora o pan de Ousá nos obradoiros da parroquia friolense que lle dá nome. Tras fermentar, a masa cócese nun forno de leña a 250 graos, e o resultado é un produto artesanal da mellor calidade. 

"Non leva outra cousa. E despois, o embolado é manual, o pesado tamén, e iso nótase no produto. Co forno de leña, a codia é dura, pero ao cortalo a miola é húmida e moi esponxosa e pódese conservar de catro a cinco días", sinala Tania Pazos, xerente da Panadería Concha

O complemento ideal para o pan de Ousá é o queixo de Friol, outro produto totalmente artesanal feito con só tres ingredientes. Son o leite cru de vacas de pastoreo, callo e sal.

"Son queixos feitos a man, con moito tempo de elaboración, callados moi amodo, e que non levan ningún aditivo. O leite é fresco, de vacas que pacen de forma natural, coma antigamente. É o queixo de toda a vida, e por iso ten outro sabor e outra textura", subliña a queixeira Pacita Pena

Ambos os dous produtos serán os protagonistas da trixésimo segunda edición da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá. A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrarase o domingo 22 de marzo no recinto feiral desta vila lucense.

"Moita xente xa coñece o pan de Ousá e o queixo de Friol, pero ese é o seu único día, polo que acode moita xente a probar os dous produtos", valora Tania Pazos. 

"Levamos sobre mil pezas de queixo, do fresco do día, do cremoso, do semicurado, do curado de tres meses, do de nabiza, dun ano de maduración, e mais o picante", apunta a dona da queixería Pacita. 

En total, na festa gastronómica poranse á venda un milleiro de pezas de pan de Ousá e uns 10.000 queixos de Friol.

Pezas de pan elaboradas nunha panadería de Ousá Pezas de pan elaboradas nunha panadería de Ousá
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade