Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mellor queixo de todo o ámbito estatal elabórase en Chantada

O mellor queixo de todo o ámbito estatal elabórase en Chantada

Sabel, de Airas Moniz, foi recoñecido coa medalla de ouro absoluta no Salón Gourmets 2026, celebrado en Madrid

Corta do queixo, cun peso medio dun quilo e cuarto cada peza
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 28/04/2026 21:06

O produto estrela da queixería chantadesa Airas Moniz vén de ser recoñecido como o mellor queixo en todo o ámbito estatal. O Sabel, que un crítico chegou a definir como unha manteiga azul, obtivo a medalla de ouro absoluta no Salón Gourmets 2026, onde competiron 800 queixos. Elabórase con leite cru de vacas de pastoreo da raza Jersey, cunha porcentaxe de materia graxa que practicamente duplica o dunha produción leiteira convencional.

"Están en pastoreo rotacional. Pacen cada día nun prado novo e aliméntanse só de pasto. Hai moitos anos que non roturamos, co cal hai moitas plantas e moitas flores que lle van conferir aromas e sabores ao queixo. Iso fai que teña unhas peculiaridades distintas", explica Ana Vázquez, socia fundadora de Airas Moniz

Unha vez callado e prensado, o queixo azul madura durante un mes na cava, onde é volteado a diario. Os seus buratos tápanse a man, e cada lote require en total dunhas vinte horas de traballo. Trátase, por tanto, dun produto elaborado de xeito completamente artesanal.

"Son moitísimas horas de traballo. A primeira parte da elaboración empeza un día e remata ao seguinte, e despois son outras catro semanas de traballos manuais. Nós somos artesáns, e cada queixo tócase moitas veces. Móese a man, moldéase a man, voltéase a man, tápanselle así os buratos... É dicir, é un traballo manual constante", sinala a queixeira.

Cunha ducia de traballadores e unha facturación anual de máis de 700.000 euros, Airas Moniz ve así recompensado un modelo de produción tradicional, artesán e respectuoso coa contorna. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade