Hijos de Rivera pechou 2025 con 110 millóns de euros de beneficio, un 15,8 % máis
A compañía salienta unha "tendencia clarísima" de cambio de hábitos de consumo cara aos supermercados, onde as vendas aumentaron un 4,4 %, cunha baixada na hostalería
Nova sede de Estrella Galicia en Morás (Arteixo)
A Corporación Hijos de Rivera pechou 2025 con 110 millóns de euros de beneficio neto, un 15,8 % máis ca o ano anterior, cun aumento das vendas.
A nova factoría de Morás (Arteixo), aberta o 19 de xuño do ano pasado, acolleu a presentación de resultados de Hijos de Rivera.
O presidente executivo da Corporación Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, apuntou un 80 % do seu volume de vendas chega da cervexa, aínda que matizou que o resto do negocio tamén crece e espera que as porcentaxes cambien a 70 % e 30 % respectivamente en 2030.
Nesa década a súa intención é "intentar dobrar outra vez" a facturación, que xa roza os mil millóns de euros: "Internamente pasamos a barreira dos mil", sinalou.
Durante o exercicio 2025, o resultado bruto de explotación (Ebitda) foi de 240 millóns de euros, un 13,7 % máis que o ano anterior, mentres que o beneficio antes de impostos (Bai) alcanzou os 145 millóns, un 13,6 % máis.
En canto a facturación, a Corporación facturou 945 millóns de euros, cun 6,7% de crecemento respecto ao obtido en 2024.
Sobre vendas, durante o exercicio vendeu 569 millóns de litros de cervexa, un 4,4 % máis, e vendeu 253 millóns de litros de auga, un 6,4 % de subida.
Respecto ao factor humano, a Corporación suma 2.168 postos de traballo, tras crecer un 6,1 %, cun 94,5 % de contratos indefinidos.
Durante o ano pasado houbo 170 millóns de euros de investimento, un 1,2 % máis, dos que 40 millóns corresponden á factoría de Morás.
A Corporación está presente en 82 países e conta con once filiais tras un exercicio no que parte do crecemento está vinculado á incorporación das marcas Basqueland Brewery Company -cervexa craft de Euskadi- e Destilerías Vánagandr -produtor galego de xenebra e outros produtos-.
Rivera citou a nova filial en Italia e o esforzo da compañía para gañar peso no mercado dese país, aínda que se abriu a posibles novas filiais en mercados como Francia ou América do Sur.
Explicou que as súas factorías utilizan un 100 % de enerxía eléctrica de fontes renovables e un 63 % de enerxía térmica coa mesma orixe, cun 88 % de compras a provedores locais e 801 cervexerías circulares, o que supón un aumento dun 14,3 %.
O proxecto Auara, de auga mineral que destina os seus beneficios para financiar proxectos de acceso a auga potable, saneamento e agricultura en países en vías de desenvolvemento, sumou o ano pasado 170.000 beneficiarios.
De cara ao crecemento futuro, citou como claves a diversificación, a diferenciación e impacto, a internacionalización -á que a empresa dedicará "moitísima forza e moitísimos máis recursos" porque agora é "unha formiga", pois o mercado internacional supón agora o 15 % das vendas- e fusións e adquisicións -que espera algunha este ano-.
Aumenta o consumo doméstico e baixa a hostalería
Ignacio Rivera dixo que hai unha "tendencia clarísima" de cambio de hábitos de consumo cara aos supermercados, cunha baixada na hostalería, tras un ano en que o sector retrocedeu un 1%, aínda que o aumento dun 4,4 % de vendas de Hijos de Rivera dálle máis "cota de mercado".
Na súa intervención debullou a produción entre a fábrica da Grela, na Coruña, cun 80 %, enfocada a retornables, mentres que Morás ten o outro 20 %, máis centrada en envases non retornables.
Sobre o proxecto de factoría no Brasil, aclarou que agora produce nunha "cociña amiga" cun convenio con Coca-Cola e retomarase o proxecto cando haxa "uns volumes" que fagan posible que sexa rendible.
Rivera animou ao consumo de cervexa, pois opinou que o seu consumo "inflúe na saúde mental" porque "socializar é bo".
"É moi san tomar unha cervexa cun colega ou cunha colega e contarlle as túas penas (...) Menos pantallas e máis tomar unha cana de cando en vez", concluíu.