Tendas que nos salvan dun apuro nun festivo
As pequenas tendas de barrio, os 24 horas e as gasolineiras, o alivio cando todo o demais está pechado
O horario en festivo adoita ser máis reducido e os prezos, máis caros, pero teñen todo o básico para unha emerxencia
Hoxe, 24 de xuño, é festivo en toda Galicia e os supermercados están pechados, polo que en caso de apuro non queda outra que tirar das pequenas tendas de barrio ou dos 24 horas.
"Hai unha serie delas por toda a cidade ás que podes recorrer".
"Veño buscar dúas botellas de viño que me esqueceron".
"Pan que se me acabou porque traballas todo o día, non me dá tempo para ir ao súper nin nada, pois estas tendiñas, pois salvan moitísimo", comentan varios clientes.
"O necesario, o do día a día. Esta é unha tenda que cando ti vas facer algo, faiche falta isto, veñen e o buscan", apunta Raquel Acevedo, que rexenta o Autoservicio Luis.
Os produtos son un pouco máis caros, pero asumibles.
"A ver un euro máis da igual porque se che salva de ter un pan, de facerche un bocadillo ou levar un bocata para o traballo, da igual", recoñece unha señora.
Ao ser este un festivo que baila no calendario é doado que a moitos lles pasase por alto. Sorpresa levan os que veñen de fóra e atopan todo pechado.
"E non podemos facer nada. Tiñamos que facer compras e non podemos, e mañá temos que volver", lamentan uns turistas.
Na outra cara da moeda están os que teñen que traballar todos os días da semana.
"Si que é duro. Ao final perdes día coa familia e, vaia, todo", recoñece Elena Rodríguez, propietaria da froitería e panadería O Camiño.
Compénsalles porque fan máis caixa.
"A ver, realmente, sendo sinceiros, si, nos festivos hai máis xente".
Iso si, os horarios de apertura en moitos dos casos son un pouco máis reducidos.
"Só abrimos pola mañá, pechamos antes, e si, de 9 a 2 abrimos. Máis reducido", explica Elena.